PRENSA: Máis de 500 persoas visitaron A Cabeciña ao longo da campaña arqueolóxica de agosto

  • A maioría foron galegos, pero tamén houbo visitantes doutros puntos de España así como internacionais.
  • Rematadas as escavacións no castro de Mougás, traballarase nos castros de Cano dos Mouros (Viladesuso) e Chavella (Santa María).

Máis de 500 persoas visitaron A Cabeciña (Mougás-Oia) durante a campaña arqueolóxica desenvolvida no mes de agosto, unha iniciativa enmarcada no proxecto Costa dos Castros na que participou un equipo de técnicos e voluntarios de varios países.

Segundo os datos compilados por Costa dos Castros, un total de 530 visitantes acudiron á zona durante as mañás de martes a venres (incluídas as visitas guiadas das 12.00 horas) ou ben nos horarios das visitas da fin de semana (12.00 e 19.00 horas os sábados e domingos). Do medio millar de visitas contabilizado, a grande maioría (arredor do 80%) acudiu ao itinerario interpretativo, mentres que o resto fixo a visita pola súa conta.

Unhas 20 persoas ao día animáronse a acudir á Cabeciña para coñecer os petróglifos, a muralla e as escavacións no castro. Os visitantes máis frecuentes foron grupos e familias e destaca o feito de que houbo asistentes de tódalas idades: nenos pequenos acompañados polos seus pais, persoas de mediana idade e maiores.

A Cabeciña é un recinto aberto e, polo tanto, recibe visitas a calquera hora e tódolos días. Por iso, Costa dos Castros é consciente de que as visitas reais superan ás cifras contabilizadas, pois estas últimas non inclúen datos dos luns (xornada de descanso) nin das tardes dos días laborables.

“Estamos moi satisfeitos cos resultados das visitas, a verdade é que superaron as nosas expectativas” comenta Xosé Gago, coordinador do proxecto Costa dos Castros. Do mesmo xeito, o equipo quere manifestar o seu agradecemento pola boa acollida da andaina veciñal de peche da campaña, que reuniu o domingo 30 de agosto a unhas 60 persoas que puideron coñecer de primeira man os resultados das escavacións. “En total penso que na Cabeciña poderemos superar as mil visitas anuais entre as que levamos e no que queda de ano” afirma Gago.

Procedencia das visitas

En canto ao lugar de procedencia das visitas, na maioría dos casos foron galegos, especialmente residentes en Pontevedra, aínda que tamén houbo asistentes do resto de provincias. Tamén acudiron persoas doutros puntos de España, sobre todo de Madrid, Cataluña, País Vasco e Andalucía.

Xa en menor cantidade houbo turistas chegados doutros países. Concretamente, contabilizáronse visitas de persoas orixinarias de Francia, Inglaterra, Italia, Hungría, Arxentina e Nova Zelandia.

Pero o recinto arqueolóxico non só espertou a interese dos turistas, senón que foron moitos os veciños de Mougás e doutras parroquias de Oia que se acercaron até a Cabeciña a coñecer o seu patrimonio e a gozar das vistas ao mar desta xanela a 4.000 anos de historia.

Mirador a 4.000 anos de historia

A actividade interpretativa guiada foi gratuíta e permitiu aos participantes asomarse a un mirador a 4.000 anos de historia: unha viaxe que comezaba no panel de petróglifos da Cabeciña e que, seguindo pola monumental muralla e a zona do castro, permitiu coñecer e comprender a evolución da relación entre o home e a paisaxe dende as Idades do Bronce e o Ferro até a actualidade.

As visitas non só consistiron no coñecemento estes elementos patrimoniais, senón que converteron aos asistentes en testemuñas de primeira man dos labores que implica un traballo arqueolóxico, pois puideron observar directamente os avances sobre o terreo, presenciar os distintos achados de material ou escoitar as hipóteses de traballo, entre outras tarefas do día a día dos membros da escavación.

Proxecto Costa dos Castros

A campaña da Cabeciña rematou co tapado da área de escavación, unha medida que se adopta como protección dos elementos do recinto escavado. O próximo ano o equipo de Costa dos Castros planea destapar a área a fin de desenvolver as tarefas de restauración, que posibilitarán que a zona quede finalmente ao aire libre, para a súa visita.

Os traballos desenvolvidos ao longo de agosto permitiron confirmar que o castro tivo un amplo período de ocupación durante a Idade de Ferro. Así mesmo, descubriuse que é moito máis arquitecturizado, máis pétreo, do que se estimaba nun primeiro momento.

Costa dos Castros

A iniciativa se enmarca dentro do proxecto Costa dos Castros, impulsado polas comunidades de montes de Mougás, Viladesuso, Pedornes e Santa María, no municipio pontevedrés de Oia. Tamén conta co apoio do Concello de Oia e un convenio de colaboración co Instituto de Ciencias do Patrimonio Incipit-CSIC.

Despois das prospeccións efectuadas este verán na Cabeciña, as próximas actuacións de Costa dos Castros serán en Cano dos Mouros (Viladesuso) e Chavella (Santa María). No primeiro dos castros se traballará este mesmo mes de setembro e no segundo xa en outubro.

Hai en marcha unha campaña de micromecenado para axudar a financiar estas actuacións e outras de Costa dos Castros, como a limpeza dos petróglifos de Auga dos Cebros (Pedornes) e o arboreto de Mougás. Pódense consultar os detalles na páxina do proxecto: http://costadoscastros.com/gl_ES/colabora-co-proxecto/