Un novo proxecto na Costa dos Castros: limpeza na contorna de Auga dos Cebros

Auga dos Cebros. Pedornes, Oia.
Unha brigada traballa na limpieza no Viveiro. Abaixo á dereita, o petróglifo de Auga dos Cebros.

Os labores de roza baixo control arqueolóxico avanzan a bo ritmo no Viveiro (Pedornes)

Na Asociación Costa dos Castros comezamos o ano na zona do Viveiro, en Pedornes, onde estamos a desenvolver labores de limpeza da vexetación baixo control arqueolóxico. E cal é o motivo desta supervisión? Pois trátase de algo moi sinxelo: a  presenza a pé de campo dunha arqueóloga débese a que en moitas das rochas do lugar hai gravados rupestres. E entre estes petróglifos destaca un moi especial: Auga dos Cebros.

Este barco de pedra ten un importante valor, pois, como xa temos salientado en anteriores ocasións, Auga dos Cebros é o único gravado dunha embarcación mediterránea do II Milenio antes de Cristo aparecido na Europa atlántica. Un tesouro de 4.000 anos de antigüidade que cómpre coidar.

Aínda que é o de maior sona, este non é o único petróglifo que existe na zona do Viveiro. Tamén se conservan gravados con formas circulares, axedrezados, cervos, coviñas… e que xa foran catalogados en 2007, un ano despois dun gran incendio forestal que afectou á zona.

Unha actuación posible grazas ao crowdfunding

A intervención, nunha zona arborada propiedade da comunidade de montes de Pedornes, estase a realizar nunha extensión dunhas 2 hectáreas (aproximadamente 2 campos de fútbol). Os seus obxectivos son:

  • Reducir o perigo de incendios
  • Mellorar a accesibilidade
  • Deixar visibles os gravados

Unha cuadrilla da Administración é a encargada de executar os traballos, que consisten fundamentalmente na roza de matogueira e na tala de eucaliptos para conseguir un espazo despexado que sexa máis seguro, accesible e visitable. Xunto a eles está en todo momento a arqueóloga, cuxo labor abordaremos unhas liñas máis abaixo.

Petróglifo en Pedornes, Oia. Galicia
Un dos petróglifos da zona do Viveiro durante o control arqueolóxico

Esta nova actuación sería imposible sen o compromiso dos mecenas que colaboraron na campaña de crowdfunding de Costa dos Castros. Sen as achegas económicas destas persoas, a limpeza na que estamos a traballar non sería realidade.

Os labores arqueolóxicos: primeiros resultados

A encargada do control dos labores de limpeza no Viveiro é a arqueóloga Elisa Pereira. Cada día cálzase as botas de seguridade e fai un profundo repaso polos gravados coñecidos na zona, os cales foron catalogados en 2007, un ano despois do gran incendio.

Armada cun compás, cámara de fotos e bolígrafo e papel para tomar notas, Elisa vai repasando unha a unha as fichas de cada un dos gravados para localizalos, comprobar o seu estado e recoller información. Non descartamos que o traballo ao longo destas semanas nos dea algunha sorpresa… Aínda que para sabelo teremos que esperar un pouco máis.

Costa dos Castros Pedornes, Oia. Galicia
A arqueóloga Elisa Pereira toma datos sobre o terreo.

Polo de agora, a arqueóloga puido comprobar cómo a erosión ten ido afectando a algúns dos fráxiles gravados. Ás veces trátase do desgaste natural da rocha, pero noutros casos tamén se perciben os danos provocados polos incendios ou por procesos erosivos causados por algúns liques e fungos.

O Viveiro, unha fráxil xoia arqueolóxica e natural

Como vimos contando, no monte comunal do Viveiro podemos atopar verdadeiras xoias do patrimonio arqueolóxico, pero tamén interesantes mostras do patrimonio natural: fervenzas e pozas no río Vilar, especies endémicas de anfibios e exemplares de vexetación singular, como os espectaculares fentos arbóreos  Dicksonia antarctica.

Pese á súa fraxilidade, este espazo natural vaise recuperando dos importantes golpes recibidos nos últimos anos, como foron os incendios forestais e posteriores riadas. Precisamente, con actuacións de limpeza como a que se está a desenvolver actualmente búscase minimizar o risco de sufrir futuros eventos que podan causar danos irreparables.

Costa dos Castros. Pedornes, Oia. Galicia
O Viveiro, un interesante entorno de valor arqueolóxico e natural.

Para visitar a zona do Viveiro a forma máis sinxela de chegar é seguindo os sinais da Ruta Máxica de Oia. E, se decidimos facer este itinerario, podemos aproveitar para achegarnos ata outros enclaves de gravados rupestres próximos (A Xestosiña, Outeiros do Morouzo, A Pousadela e A Pedreira). Polo camiño gozaremos dunhas vistas á inmensidade do océano Atlántico

…Por algo estamos na Costa dos Castros!

Pese ao manto de nubes, intúese a beleza das vistas ao mar que se poden gozar desde o Outeiro dos Morouzos.
A pesares do manto de nubes sobre o mar, queda patente a beleza das vistas desde os Outeiros do Morouzo.

Máis información nesta  NOTA DE PRENSA SOBRE A LIMPEZA NO ENTORNO DE AUGA DOS CEBROS.