Costa dos Castros comeza en xullo a súa campaña de visitas guiadas gratuítas

Petroglifo de Auga dos Cebros. Oia. Costa dos Castros

Ás visitas da Cabeciña e do Arrabal se suman este ano, como novidade, as nocturnas ao petróglifo de Auga dos Cebros

A Asociación Costa dos Castros programa do 14 de xullo ao 15 de setembro unha serie de visitas guiadas gratuítas co obxectivo de dar a coñecer os principais atractivos do patrimonio cultural de Oia e, ao mesmo tempo, dinamizar o turismo na zona.

As visitas desenvolveranse de xoves a domingo ás 12.00 horas e permitirán coñecer diversos enclaves arqueolóxicos e de valor histórico do municipio de Oia. Os xoves e os venres haberá itinerarios guiados no castro e petróglifos da Cabeciña, mentres que os sábados e domingos a ruta será polo barrio do Arrabal, nas proximidades do Mosteiro de Oia.

Como complemento a estas actividades diúrnas, nas noites dos venres haberá visitas guiadas aos petróglifos da Cabeciña, mentres que nas noites dos sábados a proposta pasa por descubrir os gravados de Auga dos Cebros á luz das lanternas. Estas visitas nocturnas serán ás 22.30 horas.

As visitas, organizadas por Costa dos Castros coa colaboración do Concello de Oia e a Deputación de Pontevedra, teñen carácter gratuíto. No caso das nocturnas as prazas son limitadas, polo que cómpre facer a reserva no número de teléfono 689.35.57.13 ou no correo electrónico costadoscastros@gmail.com.

 Visitas nocturnas ao petróglifo de Auga dos Cebros

 A campaña de verán da Asociación Costa dos Castros ten como principal novidade deste ano as visitas nocturnas a Auga dos Cebros, un gravado no que aparece unha embarcación mediterránea do segundo milenio antes de Cristo. Ademais de descubrir esta singular representación de arte rupestre de hai 4.000 anos, única en todo o arco atlántico, os visitantes poderán coñecer os resultados das últimas actuacións feitas na contorna.

No marco das iniciativas que desenvolve a Asociación Costa dos Castros, este ano se realizaron traballos de limpeza vexetal e tala con control arqueolóxico na zona do Viveiro (Pedornes), onde se atopa Auga dos Cebros pero tamén outros petróglifos. Os labores permitiron mellorar a accesibilidade da zona, deixar á vista gravados xa catalogados anteriormente pero que quedaran ocultos pola vexetación, estudar o estado de conservación de todos estes elementos patrimoniais e descubrir outros 9 gravados descoñecidos ata o de agora.

Nas visitas nocturnas as prazas son limitadas e precisan inscrición a través de teléfono ou correo electrónico. No caso de Auga dos Cebros, débese ter en conta que para chegar ao gravado cómpre percorrer a pé un pequeno traxecto de dificultade media.

HORARIOS. Do 14 de xuño ao 15 de setembro (incluídos):

  • Xoves:

-12.00 horas: castro e petróglifos da Cabeciña.

Punto de encontro: A Cabeciña.

  • Venres:

-12.00 horas: castro e petróglifos da Cabeciña.

Punto de encontro: A Cabeciña.

-22.30 horas: petróglifos da Cabeciña nocturna. Prazas limitadas. Precisa inscrición.

  • Sábados:

-12.00 horas: Barrio do Arrabal.

Punto de encontro: zona de aparcamento diante do Mosteiro de Oia.

-22.30 horas: petróglifo de Auga dos Cebros nocturna. Prazas limitadas. Precisa inscrición.

  • Domingos:

-12.00 horas: Barrio do Arrabal.

Punto de encontro: zona de aparcamento diante do Mosteiro de Oia.

 

Máis información e inscricións:

Teléfono 689.35.57.13

Correo electrónico: costadoscastros@gmail.com