Volven (e con novidades) as visitas guiadas de verán!

Chega o verán á Costa dos Castros de Oia, e faino con novidades!

A Asociación Costa dos Castros programa do 25 de xullo ao 16 de setembro unha serie de visitas guiadas gratuítas co obxectivo de dar a coñecer os principais atractivos do patrimonio cultural e natural de Oia e, ao mesmo tempo, dinamizar o turismo na zona.

visitas guiadas de verano Costa dos Castros. Arrabal. Oia.
Visita guiada polo barrio do Arrabal (Oia)

As visitas desenvolveranse de mércores a domingo e permitirán coñecer diversos enclaves arqueolóxicos, de valor histórico e natural do municipio de Oia. Os mércores ás 12.30 horas haberá itinerarios guiados no castro e petróglifos da Cabeciña, mentres que os sábados e domingos a ruta será a esa mesma hora polo barrio do Arrabal, na contorna do Mosteiro de Oia. Como novidade deste ano, os xoves ás 19.00 horas faranse visitas ás Sobreiras do Faro, o bosque mediterráneo máis occidental de Europa que, ademais, forma parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Andaina Viladesuso Festival do Rei Sol. Costa dos Castros 2017

 

Como complemento a estas actividades diúrnas, os venres e sábados haberá visitas guiadas nocturnas: os venres serán aos petróglifos da Cabeciña, mentres que os sábados a proposta consistirá en descubrir os gravados de Auga dos Cebros á luz das lanternas. Estas dúas actividades desenvolveranse ás 22.30 horas e teñen prazas limitadas, polo que é preciso inscribirse previamente no número de teléfono 689.35.57.13 ou no correo electrónico costadoscastros@gmail.com.

Petroglifo de Auga dos Cebros. Oia. Costa dos Castros

Programación de visitas guiadas gratuítas Costa dos Castros Verán 2018. Horarios e localizacións:

Do 25 de xullo ao 16 de setembro (ambos incluídos).

  • Mércores

-12.30h. Castro e petróglifos da Cabeciña.

Libre acceso.

Punto de encontro: A Cabeciña (Mougás).

  • Xoves

-19.00h. Sobreiras do Faro

Libre acceso.

Punto de encontro: Exteriores do Picadero O Rancho (Mougás).

  • Venres

-22.30h. Visita nocturna aos petróglifos da Cabeciña.

Precisa inscrición. Prazas limitadas.

Punto de encontro: A concretar no momento da inscrición.

  • Sábados

-12.30h. Barrio do Arrabal (entorno do Mosteiro de Oia).

Libre acceso.

Punto de encontro: Exteriores da Oficina de Turismo.

 

 

-22.30h. Visita nocturna ao petróglifo de Auga dos Cebros

Precisa inscrición. Prazas limitadas.

Punto de encontro: A concretar no momento da inscrición.

  • Domingos

-12.30h. Barrio do Arrabal (entorno do Mosteiro de Oia)

Libre acceso.

Punto de encontro: Exteriores da Oficina de Turismo.

 

Para visitas noutros horarios ou días poñerse en contacto coa Asociación Costa dos Castros no número de teléfono 689.35.57.13 ou no correo electrónico costadoscastros@gmail.com.