Mundo cabalar

O mundo cabalar ten gran importancia nesta zona, sendo a Serra da Groba un dos enclaves con maior número de exemplares de cabalos salvaxes de raza galega. Paseando pola serra, é doado atoparse coas mandas de cabalos, podendo contemplalos en liberdade.

Ademais está a posibilidade de asistir aos curros que se celebran en distintos puntos ao longo do verán. O Curro da Valga, o de Torroña e o de Mougás, nesta orde cronolóxica, son os curros máis destacados do Concello.

Aquí podes ver unha reportaxe do NODO de 1956 que nos permite ver como eran os curros de Oia nun mundo no que a sociedade tradicional aínda estaba moi viva:

Por outra banda, hai opcións para facer rutas a cabalo:

Picadeiro O´Rancho
Enderezo: Porto 101, Mougás 36309 Oia Pontevedra
Teléfono: 986 68 74 74

Este famoso picadeiro situado en Mougás ofrece a posibilidade de facer rutas pola Serra da Groba. Estas rutas pasan por fermosas paisaxes como as Pozas de Mougás ou as Sobreiras do Faro, primeiro Espazo Privado de Interese Natural (EPIN) de Galicia. Tamén existe a posibilidade de facer a ruta a cabalo á Cabeciña e enlazar coas visitas guiadas. Todas as rutas, acompañadas por grandes vistas sobre o Atlántico, unha forma única de reencontrarse coa Natureza e a paisaxe.

Para os menos iniciados no mundo dos cabalos, ofrécense tamén clases de monta nas instalacións do picadeiro. Ademais de cabalos, o picadeiro O Rancho conta con ponis para achegar os máis pequenos ao mundo cabalar.

O Picadeiro dispón ademais de servizo de bar con racións e bocadillos.

Foto: Anabam