PRENSA: En marcha o primeiro crowdfunding arqueolóxico en Galicia

A innovadora campaña de micromecenado foi presentada en Oia o pasado mércores. Forma parte do proxecto ‘Costa dos Castros’, unha gran proposta de dinamización social e turística a través do patrimonio. É unha iniciativa ambiciosa impulsada por catro Comunidades de Montes da costa sur de Galicia. Conta coa colaboración do Concello de Oia, asociacións e hosteleiros locais, o Incipit-CSIC e os británicos DigVentures. 

O tramo de costa entre a baía de Baiona e a desembocadura do Río Miño esconde once castros e decenas de estacións de arte rupestre. Isto foi o que animou a catro Comunidades de Montes da zona a crear a etiqueta ‘Costa dos Castros’.

O pasado mércores na Casa Cultural de Pedornes, Oia, presentaron unha campaña de micromecenado coa que os veciños da zona esperan recaudar fondos para actuar sobre varios destes sitios arqueolóxicos.

Fano en colaboración con DigVentures, unha empresa británica que xa levou a cabo con éxito iniciativas deste tipo no seu país. Tamén participan antropólogos da institución científica Incipit-CSIC que farán un seguimento de ‘Costa dos Castros’ como un exemplo de novos xeitos de facer arqueoloxía no marco do proxecto europeo NEARCH. Ademais Incipit-CSIC aportará tecnoloxía para os traballos arqueolóxicos.

A un nivel máis local as Comunidades de Montes de Costa dos Castros reciben o apoio do Concello de Oia; de ANABAM e ACAMO -asociacións pola ecoloxía e o patrimonio, respectivamente- e de hosteleiros locais.

A colaboración destes últimos é imprescindible para o lanzamento da páxina web do proxecto, www.costadoscastros.com. A páxina, ademáis de servir como guía turística da zona, canaliza as aportacións do crowdfunding. A través do apartado ‘Colabora’ da web, calquera pode apoiar a Costa dos Castros.

Castro da Cabeciña
Vista ao Costa dos Castros dende o castro da Cabeciña

A arqueoloxía

Ademais da presentación da web do proxecto e da campaña de crowdfunding, no acto de presentación de Costa dos Castros tamén se adiantaron os traballos arqueolóxicos previstos para este ano polas Comunidades de Montes de Mougás, Oia, Pedornes e Viladesuso.

A Costa dos Castros agocha 11 castros en tan só 7 quilómetros de costa. Os asentamentos sucédense case en liña recta dende Baiona ata Santa Trega en A Guarda. Uns atópanse no alto dos montes que se alzan dominando o Atlántico e outros, abaixo nos fértiles terreos pegados ao mar.

O traballo arqueolóxico para este ano comezará polos tres castros en altura. Semella que estaban comunicados entre si para, entre os tres, controlar toda a liña de costa. Quérese estudar o seu sistema de ocupación do territorio de Costa dos Castros para comprender mellor toda unha paisaxe.

Os castros en alto son os da Cabeciña, Cano dos Mouros e Chavella. O castro da Cabeciña xa se escavou hai uns meses, con resultados espectaculares que só aumentaron as gañas de saber máis sobre o xacemento. A ampliación da zona de escavación na Cabeciña está prevista para este agosto.

O castro de Chavella foi limpado e topografado o pasado 2014, e practicaranse unhas sondaxes valorativas en outubro. O obxectivo é avaliar o xacemento e comprobar se houbo unha torre medieval dentro da fortaleza, tal e como aparece na documentación.

Por outro lado, no castro de Cano dos Mouros nunca se fixeron traballos arquelóxicos, aínda que é o único que conserva as lendas populares a el asociadas. Planéase comezar este setembro por unha limpeza vexetal e un levantamento topográfico.

Outro punto forte da campaña deste ano é a limpeza e documentación do panel de arte rupestre de Auga dos Cebros. O panel agocha un espectacular petroglifo dun barco mediterráneo do segundo milenio a.C, único na fachada atlántica. A súa conservación é imprescindible como evidencia do contacto da costa sur de Galicia coa cultura mediterránea dende unha época moi antiga.

Presentación de ‘Costa dos Castros’ na Casa Cultural de Pedornes

O crowdfunding

Para financiar estes traballos, lánzase a primeira campaña de crowdfunding arqueolóxico de Galicia. A través da plataforma de DigVentures -expertos neste tipo de micromecenado- calquera pode formar parte do proxecto ‘Costa dos Castros’.

Os colaboradores recibirán unha recompensa que varía segundo a aportación. O nivel máis básico de participación (15€) faite membro do innovador “Equipo Dixital de Escavación”. Os membros terán acceso privilexiado a través dunha aplicación móvil ao rexistro arquelóxico dixital e información actualizada do día a día da escavación no castro de Chavella.

Pola outra banda, o nivel de participación máximo (920€) implica poñerse mans á obra xunto cos arqueólogos. Trátase dun formato de financiación que DigVentures leva varios anos pondo en práctica cun éxito abrumador, dende os seus inicios en 2012 cando recadaron 27 mil libras para Flag Fen, un xacemento da Idade de Bronce no este de Inglaterra.

No crowdfunding de Costa dos Castros hai opcións para todos os graos de implicación e diferentes recompensas. Inclúen, ademais da participación no equipo dixital e de campo, unha impresión 3D do achado estrela da campaña deste ano no castro de Chavella; unha árbore xeolocalizada na plantación didáctica de Mougás, ou a camisola de deseño cunha reproducción do petroglifo do barco.

Diferentes xeitos de apoiar un único proxecto: a investigación e revalorización do patrimonio de Costa dos Castros.