Os achados da Cabeciña nos falan

O equipo de Costa dos Castros xa leva unha semana na Cabeciña! Nestes últimos seis días de escavación empezan a revelarse estruturas e xa saíron varias pezas que nos dan pistas sobre o pasado do castro.

Varios achados de diversa antigüidade -fragmentos de cerámica e de pedra (líticos)- pouco a pouco saen á luz e permítennos coñecer como se vivía hai varios miles de anos.

Hoxe foi un día de sorte para os participantes nas visitas guiadas, pois no momento no que se estaban a desenvolver, apareceron varios achados. Os asistentes foron testemuñas de primeira man do que acontece cando se atopa unha peza e puideron facer as súas preguntas directamente aos arqueólogos.

Para os que non estabades alí, ou os que non tivestes a sorte de que a vosa visita coincidise cun achado, vos facemos un resumo sobre algunhas das pezas máis interesantes atopadas nos útlimos días.

Sigillata romana

A Cabeciña. Día 8.

O primeiro achado na campaña de agosto correspondeuse cun fragmento de este tipo de cerámica. Foi un anaco pequeno, pero de suficiente tamaño para ver que foi feito a torno. Trátase dunha tipoloxía moi estudada, o que permite coñecer a súa cronoloxía: aproximadamente o período comprendido entre o século I a.C. e o século I d.C.

Tamén podemos comprobar que se trata dunha peza moi fina, que non se empregaría para cociñar. A sigillata empregábase en vaixelas de luxo, unha especie de Sargadelos castrexo, e para diversos tipos de recipientes; pero nunca para útiles de cociña pois poderían quebrarse ao non ter grosor suficiente.

Material lítico (de pedra)

A Cabeciña. Día 8. A cabeciña. Día 8.

Esta pedra tamén foi un dos primeiros achados do mes. Nunha sinxela observación, pode constatarse que foi traballada e é lisa, e todo apunta a que se trata dun martelo. Polo de agora non se puido determinar a súa cronoloxía, que pode ser dende neolítica até a mesma Idade do Ferro. O que si se sabe é que foi transportada dende fóra da Cabeciña, porque está feito dun tipo de pedra diferente á da zona.

Mans de muíño

A Cabeciña. Día 8.

Pedras que se collían na man para, en muíños de vaivén ou barquiformes (con forma de barca), moer o gran contra unha pedra alongada meirande. Como vemos, temos unha cara da pedra máis desgastada pola fricción.

Pezas de cerámica feita a torno

A Cabeciña. Día 8. A Cabeciña. Día 8.

Son pezas de cerámica fina, pero non son sigillatas. Entre os fragmentos atópase un que correspondería á panza do recipiente, e outro que formaría parte do fondo.

Nalgunha das pezas se observan as marcas dos dedos do oleiro.

Asa dun cacharro

A photo posted by @costadoscastros on


Esta asa, decorada con acanaladuras, correspondería a unha peza de cerámica romana. Todo apunta que o lugar do xacemento onde apareceu non era o orixinal, pois estaba nunha zona de materiais arrastrados dentro dun derrubo.

Banquete na Cabeciña

Que líquidos conterían os recipientes destes fragmentos? Algún deles serviría para gardar comida? Polo de agora estas preguntas non as podemos responder, pero se xa tedes algo de curiosidade sobre a dieta que puideran ter os habitantes da Cabeciña, non dubidedes en asistir á próxima Barferencia de Costa dos Castros.

“Banquete na Cabeciña” será a charla de Carlos Otero, director arqueolóxico da campaña, este mércores 12 ás 20.00 horas no Albergue Aguncheiro de Mougás.

Estade atentos ao noso blog para coñecer futuros achados no Castro da Cabeciña!

Preme aquí para ver máis fotos da xornada no noso Flickr.