Un menú para A Cabeciña

Como podería ser un banquete na Cabeciña? Sobre este asunto falamos na segunda das nosas Barferencias, na que o arqueólogo Carlos Otero nos descubriu que as comidas dos castrexos galegos pouco puideron ter que ver coa imaxe das longas mesas típicas dos cómics de Astérix e Obélix, onde os comensais degustaban xabaríns até fartar.

O Albergue Aguncheiro encheuse até os topes para escoitar a charla do director das escavacións, quen, baseándose en evidencias arqueolóxicas atopadas en varios lugares de Galicia, aproximou o que sería un posible banquete dos habitantes da Cabeciña na época dos castros.

O primeiro no que se afanou en clarexar foi que, a pesares de que Astérix e Obélix eran galos da mesma época que os habitantes da Cabeciña, os banquetes que se representan ao final de cada unha das súas aventuras (con fontes cheas de xabarín e outras pezas de caza) pouco parecido terían co que se comería no poboado de Mougás.

Así, baseándose nos achados de restos de alimentos, útiles de cociña, e recipientes atopados en diversos xacementos da Galicia da época dos castros, explicou que na dieta dos galegos da antigüidade tivo unha grande presenza a fariña: facían gachas de diversos tipos de gran e pan de landras. De feito, nas escavacións deste mes de agosto na Cabeciña xa apareceron algunhas pedras de man de muíño.

Mar e terra

A alimentación dos castrexos era moi rica e, na costa, incluía moitos tipos de peixe. No emprazamento de Mougás non é difícil pensar que acontecería o mesmo, tendo en conta a súa proximidade ao mar. Así, pode que os nosos antergos incluísen nun banquete pargo, xurelo, pescada, pintos e incluso muxo.

Polo que respecta ás carnes, as vacas (e outros animais de grande porte) comíanse cando morrían de vellas. No caso doutras especies, coma os porcos, as cabras ou nas ovellas, se esperaba para matalos cando ían un pouco crecidos, e así aproveitalos mellor. As pezas de caza eran moito menos frecuentes na dieta, debido ao grande esforzo que supón obtelas.

Incluso sería posible que preparasen algún tipo de cocido semellante ao que temos hoxe (sen pataca, pois esta veu de América moito tempo despois) e, antes de todas estas posibilidades, para os aperitivos o máis probable é que optasen por froitos do bosque.

Público na segunda barferencia

Elaboración dos alimentos

Carlos Otero tamén falou do xeito do que, segundo as evidencias atopadas en distintos xacementos, poderían preparar as súas comidas os castrexos. A ese respecto, asegurou sen dúbida que “o lume (a lareira) era o grande protagonista da súa cociña”e, a partires de aí, serían varias as formas de preparar o alimento. O marisco podería facerse á grela ou sobre as brasas e o peixe podería cociñarse ademais en caldeirada.

Tampouco sería raro que puideran fritir, pero non con aceite de oliva (que trouxeron os romanos) senón con algún tipo de graxa. Diversos útiles de cociña achados en sitios arqueolóxicos presentan características que os fan adecuados para todos estes xeitos de cociñar.

En canto ás carnes, posiblemente se conservarían afumándoas. Hai que ter en conta que as cabanas castrexas carecían de cheminea e o fume ía evacuándose pouco a pouco a través do tellado de palla, polo que non sería estraño que aproveitasen isto.

Barferencia en Aguncheiro

Cervexa nas xerras

Na ‘carta de bebidas’ no menú dun banquete castrexo o produto estrela sería sen dúbida a cervexa, que se bebía en xerras moi decoradas que eran un símbolo de prestixio: por tanto, tomábase no que hoxe sería ‘cristal de bohemia’. Antes de que os romanos trouxesen o viño, a bebida alcohólica que se consumía en Galicia era a cervexa.

No Mougás da actualidade non se quere ignorar esta herdanza tan antiga e, de feito, se vos fixades nas fotos, moitos aproveitaron a propia Barferencia para tomarse unha A Cabeciña: degustación, homenaxe ao pasado e axuda ao proxecto arqueolóxico, todo na mesma botella! E ti?, aínda non a probaches?

cervezas cabeciña