PRENSA: Últimos días para as visitas guiadas ao xacemento da Cabeciña

No que vai de campaña máis de 400 persoas pasaron polo castro e petróglifos da Cabeciña.

As visitas guiadas, gratuítas, son de martes a venres ás 12:00 e sábado e domingo ás 12:00 e ás 19:00.

As actuacións arqueolóxicas se desenvolven este mes impulsadas pola Comunidade de Montes de Mougás no marco do proxecto Costa dos Castros

 

A campaña arqueolóxica que este mes se vén desenvolvendo no xacemento A Cabeciña (Mougás, Oia), dentro do Proxecto Costa dos Castros, concluirá o luns 31 de agosto. O dia anterior, o domingo 30, é o último día de visitas guiadas, que permiten non só coñecer esta interesante mostra de patrimonio, senón tamén descubrir de primeira man en que consiste o traballo nunha escavación.

Despois de tres semanas de actuacións na Cabeciña, os membros do equipo multidisciplinar están na recta final dos seus labores, uns traballos que teñen xa resultados visibles no xacemento. Entre eles, se detecta un sistema de aterrazado con diversos muros de contención dos socalcos que, nun principio, apunta a que o castro se trataría dun poboado moito máis arquitecturizado e monumental do que se puidera pensar nun primeiro momento.

Ao mesmo tempo que se avanzou nas escavacións, tamén se está a buscar relación entre a zona escavada na campaña anterior, de primeiros deste ano, e a zona dos traballos actuales, que é unha ampliación da primeira.

Pero estes non son os únicos avances que se teñen acadado, pois tamén se teñen rexistrado numerosos achados de fragmentos de cerámica, pezas metálicas e outras líticas (de pedra). Entre estes obxectos destacan cerámicas das idades do Bronce, do Ferro e da época romana, tanto de importación como locais; fragmentos de muíños de man, pesos de tear e outros materiais.

Todos estes avances e a forma de traballar do equipo internacional de persoas que traballa na Cabeciña pode ser seguido no transcurso das visitas guiadas. De feito, moitos visitantes que pasaron ao longo deste mes puideron ser testemuñas de primeira man de diversos achados, ao coincidir a realización da actividade guiada co momento no que se atopaba algunha peza.

Nestes casos, os arqueólogos detéñense non só a rexistrar o achado, senón tamén para expor ao público asistente os primeiros datos sobre o atopado: materiais, posible datación, usos que puido ter…

Mirador a 4.000 anos de historia

 Esta actividade interpretativa é gratuíta e permite aos participantes asomarse a un mirador a 4.000 anos de historia: unha viaxe que comeza no panel de petróglifos da Cabeciña e que, seguindo pola gran muralla e a zona de castro, permite coñecer e comprender a evolución da relación entre o home e a paisaxe dende a Idade de Bronce ata a actualidade.

No que vai de campaña, máis de 400 persoas apuntáronse ás visitas guiadas pola Cabeciña, unha cifra que dende Costa dos Castros esperan que siga crecendo, posto que haberá visitas guiadas gratuítas durante todas esta semana. A hora de inicio será coma sempre, ás 12.00 de martes a venres, e o sábado e domigo ás 12:00 e ás 19:00. Teñen unha duración aproximada de 40 minutos.

Tódalas persoas que queiran coñecer as historias que revela o conxunto arqueolóxico de Mougás, ver como se desenvolve un traballo arqueolóxico sobre o terreo e gozar dunhas incomparables vistas ao Atlántico poden aproveitar esta última quenda de visitas, antes de que a campaña quede oficialmente pechada.

Proxecto ‘Costa dos Castros’

A escavación que este mes de agosto se desenvolve no xacemento da Cabeciña está impulsada pola Comunidade de Montes de Mougás no marco do proxecto Costa dos Castros e conta co apoio do Instituto de Ciencias do Patrimonio do Consello Superior de Investigacións Científicas, Incipit-CSIC.

Os traballos céntranse en ampliar a sondaxe 3, aberta a principios deste ano por arqueólogos da Deputación de Pontevedra. Ademais do traballo puramente arqueolóxico, a campaña inclúe accións divulgativas como son as visitas e un ciclo de barferencias.

Este ciclo rematou o luns coa ponencia ‘De astros a castros’, ofrecida polo investigador do Incipit-CSIC, César González, e incluíu un total de cinco charlas celebradas en diferentes locais de Mougás.

Todas elas contaron cunha nutrida asistencia de turistas e veciños de diversos puntos de Oia, participantes que puideron coñecer curiosidades sobre o mundo da antropoloxía, a nutrición dos castrexos, como facerlle o amor ao patrimonio, as fortalezas da época da Guerra da Restauraçao no Baixo Miño e a relación entre a astronomía e a arqueoloxía.