Segue lendo para ver os detalles do evento.
Este xoves 12 comeza o ciclo de charlas “Conversas arqueolóxicas na Costa dos Castros” que terán lugar ao longo de maio en varios bares de Oia.
Estas “barferencias” inauguran a nova campaña de escavación no castro oiense de Chavella, que comezará nos próximos días. Ofreceremos visitas guiadas gratuítas aos traballos arqueolóxicos no castro todas as fins de semana durante a campaña.
Conversas arqueolóxicas
O ciclo de barferencias arranca este xoves en A Terraza do Mosteiro, que se atopa na Casa Cultural de Oia (ubicación da Casa Cultural aquí). A conversa é a cargo de Carlos Otero, o director arqueolóxico das escavacións no castro de Chavella, e vai poñer o público ao día dos resultados da primeira escavación no xacemento, en outubro de 2015. Co título “Chavella: a lenda do nome sen cidade”, Otero vai indagar nos enigmas que suscitou a escavación no castro.
Ademais van participar no ciclo outros dous arqueólogos fundamentales:
- Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, ofrece o mércores 18 de maio na Casa da Henriqueta novas interpretacións sobre o castro de Santa Trega, onde estivo dirixindo a última escavación.
- O arqueólogo e profesor Gustavo Pascual Hermida dará a terceira e última barferencia o xoves 26 de maio na cafetería A Riña. Nesta charla vai dar a coñecer ao público as súas últimas investigacións sobre a minería antiga na Serra da Groba.
Todas as barferencias comezan ás 20:00h. O ciclo inaugura a segunda campaña de escavación no castro de Chavella, que comezará nos próximos días.
Visitas guiadas gratuítas
Todas as fins de semana de maio e a primeira de xuño, se ofrecerán visitas guiadas ao castro de Chavella a cargo de Xosé Gago (sábados e domingos a partir do 14 de maio ata o 5 de xuño ás 12:00 do mediodía no castro). Ademais das visitas guiadas, a escavación sempre estará aberta a curiosos e visitantes.
Tanto as barferencias como as visitas guiadas a Chavella son gratuítas e non é necesario inscribirse.
Para chegar a Chavella
Para chegar ao castro de Chavella, recomendamos deixar o coche na Casa Forestal de Oia e seguir a pé ata o castro (1 km aproximadamente).
Para chegar á Casa Forestal de Oia, na PO-552 dirección A Guarda hai que coller o desvío enfronte da cafetería A Riña (o desvío indica Mavia e Torroña), e subir pola estrada sen desviarse uns 5 km ata chegar á Casa Forestal.
A Casa Forestal é un gran edificio en ruínas no alto do monte, nun cruzamento de estradas. No mapa incluído abaixo está indicada a súa localización e hai tamén unha foto para poder identificala.
A visita guiada comeza ás 12:00 no castro de Chavella. Dende a Casa Forestal ata o castro hai aproximadamente 1km, polo que recomendamos chegar á Casa Forestal un cuarto de hora antes. Intentaremos que haxa alguén da organización na Casa Forestal para indicar o camiño ata Chavella.
Neste mapa podes ver a localización exacta do castro e da Casa Forestal: