Adeus a Celso Domínguez Fagúndez

A tristura tingue estes días a Costa dos Castros. Unha tristura amarga do que non alcanza a comprender, do que trata de buscar explicacións a algo que nunca o ten. Celso Domínguez Fagúndez, o noso presidente, finou a noite do pasado sábado.

A tristura vai máis alá da que causa unha norte prematura dun home deportista sen demasiados excesos. Vai máis alá porque hai persoas que son símbolos, que teñen unha especial significancia dentro das súas comunidades, e Celso tíñaa. Érao.

Celso foi escollido presidente polo seu carácter integrador, pola súa tranquilidade á hora de afrontar situacións. Un proxecto como o noso, que envolve a varias comunidades, Concello e outras asociacións, necesitaba alguén como Celso na presidencia. Un unificador, alguén con visión conxunta.

Nós fomos buscalo e el amablemente aceptou. Con discreción, por suposto, con xenerosidade: “non creo ser a persona indicada, pero se non atopades a outro mellor non vos vou deixar na estacada”

Pero non había outro mellor. Esta fin de semana perdemos moito máis que un veciño querido, perdemos un líder natural, un líder silencioso, discreto. Para a nosa memoria, queda a súa gargallada eterna. Para a nosa obriga, estar á súa altura para o resto dos días.