A Costa dos Castros de Oia no Ano Europeo do Patrimonio Cultural

 

Año Europeo del Patrimonio Cultural Costa dos Castros

 

Neste 2018 celebramos o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, unha excelente oportunidade para pararnos a reflexionar sobre o valor do noso patrimonio, ensalzar a súa diversidade e insistir na necesidade de preservalo para as xeracións futuras.

Estes obxectivos coinciden coas intencións coas que, na Asociación Costa dos Castros de Oia, cada verán poñemos en marcha unha programación de visitas guiadas a través das cales queremos dar a coñecer o importante legado cultural e natural que atesora  este territorio da costa sur de Galicia.

En cada edición intentamos incluír algunha novidade no programa, de xeito que a nosas propostas podan resultar atractivas á xente que vén a visitarnos cada verán como á propia veciñanza de Oia e localidades próximas. O castro e petróglifos da Cabeciña, os gravados rupestres de Auga dos Cebros, o barrio histórico do Arrabal –ao carón do Mosteiro de Oia- e o bosque das Sobreiras do Faro son os emprazamentos elixidos para a campaña de visitas de verán de 2018.

O conxunto de lugares escollidos permite descubrir toda unha combinación de elementos de patrimonio arqueolóxico, histórico-artístico, etnográfico e natural que axuda a comprender a paisaxe de Oia, e tamén aos seus habitantes. Porque as visitas non só falan do material, senón que tamén presentan aspectos asociados co patrimonio inmaterial: costumes, lendas, formas de vida… Que tamén fan único este territorio.

Porque gozamos moito máis das cousas que coñecemos, e só coñecendo o noso patrimonio podemos chegar a amalo e protexelo.

Podes consultar neste enlace toda a información sobre as visitas guiadas de verán de Costa dos Castros en Oia (horarios, localizacións, contacto para inscricións ás visitas nocturnas, etc.). Se aínda non viñeches por aquí, agardámoste ata o 16 de setembro!

 

CARTEL VISITAS VERAN OIA 2018