Explorando as “outras caras” do patrimonio en Oia

Como ben sabedes, hai pouco que veu de visita a nosa querida amiga Guadalupe Jiménez-Esquinas xunto coa súa familia. Estiveron en Oia co gallo da presentación do libro de Lupe “As outras caras do patrimonio. Reflexións sobre o patrimonio en Oia” que se celebrou na casa Cultural de Mougás dentro do ciclo de charlas “Conversas na Costa dos Castros“.
O libro de Lupe recompila as visións persoais sobre o patrimonio de persoas de diversas idades, todas elas veciñas de Oia, e que aparecen retratadas na obra xunto con un obxecto que consideran de valor. Nas súas entrevistas Lupe facíalles as seguintes preguntas:

Que é o máis valioso do concello?
Que forma parte do patrimonio de Oia?
Que forma parte do seu patrimonio?
Que lle gustaría que se conservase?
Que é o que considera que non se debería perder?

 

Un momento da presentación de Guadalupe na Casa Cultural de Mougás.
Un momento da presentación de Guadalupe na Casa Cultural de Mougás.

 

Entre o público asistente estiveron moitas das persoas entrevistadas no libro.
Entre o público asistente houbo moitas das persoas entrevistadas no libro.

 

No acto de presentación, a autora destacou a grande cantidade de respostas relativas a elementos patrimoniais de tipo intanxible ou inmaterial, que “non teñen prezo” nin “se poden gardar nun museo”. Así, aproveitou a súa visita para lanzarnos un reto a toda a veciñanza:

Unha vez temos reflexionado sobre o que valoramos como o noso patrimonio (e que en moitos casos se trata de elementos alonxados do que tradicionalmente entendemos como “patrimonio”) de nós depende conservalo e que as vindeiras xeracións poidan seguir gozando del: a natureza, a vida social e en comunidade, os costumes, etc

Un pequeno experimento

O encontro serviu para que a autora se reencontrase coas persoas entrevistadas, a quen lles agasallou un exemplar do seu libro, e tamén permitiunos facer un pequeno experimento: o público asistente puido compartir as súas propias respostas sobre as cinco preguntas das que fala o traballo da antropóloga deixando unha nota colgada nun taboleiro da sala.

Algunhas das achegas das persoas asistentes sobre o seu concepto de patrimonio.
Algunhas das achegas das persoas asistentes sobre o seu concepto de patrimonio.

 

Aquí van algúns dos resultados que obtivemos:

  • Que forma parte do patrimonio de Oia?

-O Mosteiro.

-Ademáis do que consideramos patrimonio material, como as igrexas, cruceiros… coido que é fundamental o patrimonio inmaterial: os recordos da xente maior, as tradicións case olvidadas e recuperadas para os cativos e a relación interxeracional que é moito máis sinxela en lugares pequenos onde todos se coñecen.

-Que non se perdan os costumes de toda a vida.

  • Que forma parte do teu patrimonio?

-A historia vivida.

-O meu patrimonio está marcado por todas aquelas experiencias vividas intensamente, tanto referidas ao patrimonio material como inmaterial.

-Como se obedecía ao alcalde pedáneo. Era un de nós, pero se respectaba.

  • Que é o máis valioso do concello?

-A auga potable.

-O Mosteiro.

-A xente.

-A memoria conxunta da veciñanza.

-A sabedoría da xente.

-A cultura musical.

  • Que che gustaría que se conservase?

-Que siga sendo pobo sempre.

-A unión, que fai posible que o resto do patrimonio siga vivo e conservado.

-Todo.

-O xabarín.

-A música tradicional.

-O grupo Tra-lo Mosteiro de Oia.

  • Que é o que consideras que non se debería perder?

-As gañas de aprender dos demais e a gañas de manter o noso.

-A nosa banda de música (Banda de Música de Mougás).

-As lembranzas dos nosos maiores, que queden escritas as súas historias.

-Que conserven os petróglifos.

 

Publicación dispoñible en PDF e papel

Se non puidestes asistir á presentación do libro “As outras caras do patrimonio”, recomendávosvos escoitar a entrevista que lle fixeron na Radio Galega. Se premedes nesta ligazón podédela escoitar!

Todas as persoas interesadas na publicación podedes descargala en PDF nesta ligazón. Para conseguir exemplares en papel, contactade coa Asociación Costa dos Castros polas nosas canles habituais.