O Arrabal converteuse en todo un “punto de encontro” arredor das “historias non escritas” de Oia

 

O barrio do Arrabal vibrou o pasado 2 de xuño coa programación cultural desenvolvida co gallo da visita dramatizada “6×6 Punto de encontro O Arrabal: historias non escritas”. Tal e como reza o título, o barrio nacido ao abeiro do Mosteiro de Oia converteuse en todo un centro de convivencia interxeracional. Postos de artesanía, unha exposición de obxectos antigos, un espectáculo infantil e cantos de taberna completaron o programa.

A visita dramatizada foi todo un éxito tanto pola calidade artística das pezas e interpretacións (realizadas polo obradoiro de teatro veciñal do Concello de Oia dirixido por A Artística Teatro e Danza) como de participación. O elenco de actrices e actores rondou a trintena de persas, entre veciñanza e artistas, e a afluencia de público superou todas as previsións imaxinables.

 

paseo

Percorrido polo Arrabal

O percorrido partiu da Praza da Centinela para baixar á fonte de San Cosme e San Damián, onde poidemos escoitar conversa de varias lavandeiras e as súas distintas versións sobre a aparición da Virxe do Mar, a patroa de Oia. Conta a lenda que apareceu nas Orelludas, en Pedornes; pero a partir de aí… Aínda hoxe non claro se a talla a levaba ao lombo un can ou unha leoa, se estaba limpa ou chea de teas de araña, se foi trasladada a Oia por uns bois ou en angarellas…

 

lavandeiras

 

A seguinte parada foi na balaustrada da Praza da Centinela, onde descubrimos as historias dos túneles do Mosteiro e lembramos a Jesús, o Monte; aquel home que atemorizaba aos cativos oienses e pedía papalaverza polas portas. Coa roupa rota e o saco ao lombo, sempre ía acompañado de cans e cadelas…

 

62002101_489194918484972_8224822965515059200_n

 

Da Centinela avanzamos cara a Rectoral de Oia, onde nos agardaban varias choronas que gañaban o soldo chorando para as familias dos falecidos… O caso é que, nesta ocasión, confundían a José, o Fandango (querido e coñecido veciño do Arrabal), cun tal José Fernando de Burgueira…

 

choronas

 

Unha vez desfeito o entorto arredor do Fandanguiño, o noso feirante, seguimos o camiño ata A Picota, lugar de castigo de pecadores e delincuentes… Alí gozamos do impresionante espectáculo de danza de Olga Cameselle, quen bailou ao son da música de Rubén Pastoriza.

 

picota

 

Impresionadas pola potencia da peza de danza, baixamos cara á Plazuela (diante dos antigos cárceres) e alí coñecemos a Ramón, o contrabandista, que acababa de casar coa Maruxa de Cristelos… Tremendos dous! Casaron en secreto, marcharon a Vigo e volveron no mesmo día, asustados por un vendedor de periódicos que, segundo eles, os botou da cidade ao berro de “Fóra de Vigo” (coitados, non coñecían o xornal Faro de Vigo!). Iso si, grazas ás atentas (e algo cotillas) veciñas da zona, os noivos non quedaron sen cornetada, cantada por todos a coro e seguindo a música do entrañable Vilas de Pedornes.

Os risos e as gargalladas que nos fixeron pasar os noivos pronto trocaron en emocións, pois a seguinte peza converteuse nunha homenaxe á emigración. O cruceiro da Centinela acolleu unha brillante e intensa peza dramática e de danza (Andrea Soutelo) arredor dos versos do poema Castellanos de Castilla, da gran Rosalía de Castro.

 

castellanos

 

A última parada da visita foi o Mosteiro de Oia, onde apareceron ante nós as pantasmas de distintos personaxes que o habitaron ao longo dos séculos: desde o primeiro abade (alá polo século XII) ata un monxe artilleiro que loitou contra os piratas no século XVII, unha centinela que vixiaba a costa e un preso republicano que, desesperado, perdeu a noción do tempo recluído entre os muros monacais (que funcionaron como campo de concentración durante a guerra civil). Tamén se presentou no lugar a última señora que habitou o cenobio (onde tiña a súa residencia familiar, no pasado século XX) e quen, con moito tino, lanzounos a seguinte mensaxe:

Hai vida no Mosteiro!

O broche final foi un espectáculo de danza protagonizado por Daniel Rodríguez no Patio de Armas.

 

mosteiro

Parabéns e agradecementos

Desde a Asociación Costa dos Castros queremos transmitir aos responsables e participantes no obradoiro de teatro veciñal os nosos parabéns pola iniciativa, así como recoñecerlles o esforzo e a dedicación posta no proxecto.

Do mesmo xeito, sumámonos aos agradecementos transmitidos aos colaboradores que contribuíron ao desenvolvemento da actividade, nomeadamente a Fernando Javier Costas Goberna -pola cesión de documentación e información que axudou a dar forma ás historias- á propiedade do Mosteiro -pola cesión de espazos para a representación-, a Artes Gráficas Prelo -pola achega realizada en carteis e folletos-, e a Paula Cobián Escola de Danza polos espectáculos de baile da Centinela e o Patio de Armas.

Tamén queremos agradecer a participación das artesás e artesáns que puxeron os seus postos durante a xornada do domingo e aos grupos locais Tra-lo Mosteiro e A Fiada de Viladesuso polos cantos de taberna.

Así mesmo, queremos facer un recoñemento ás comunidades educativas dos coles de Oia: CEIP de Refoxos e CEIP Mestre Manuel García, pola súa colaboración e dispoñibilidade para a elaboración de elementos decorativos para as rúas do Arrabal. As súas creacións permitiron contar cunha ambientación marabillosa tanto no barrio como na exposición montada na Oficina de Turismo.

Finalmente, queremos dar as grazas a Luis Dorado por facernos chegar estas fantásticas fotografías que vos compartimos neste artigo.

Exposición

Aproveitamos para lembrarvos que a exposición “O Arrabal, historias non escritas” organizada co gallo da visita dramatizada permanece aberta na Oficina de Turismo de Oia. Esta iniciativa (posta en marcha por Costa dos Castros) ten o obxectivo de revalorizar o patrimonio inmaterial a través de distintos obxectos tradicionais cedidos pola veciñanza.

A mostra poderá visitarse durante as vindeiras semanas na Oficina de Turismo de Oia, onde tamén está dispoñible un catálogo que axudará a contextualizar cada obxecto coa correspondente peza teatral da visita dramatizada.

Se queredes facervos cun exemplar do catálogo, onde están recollidos os textos das distintas pezas teatrais, poñédevos en contacto con Costa dos Castros no enderezo electrónico costadoscastros@gmail.com ou no teléfono 689.35.57.13.