Costa a costa. De “ExcAventuras” por Inglaterra

Costa dos Castros viaxa á costa de Suffolk! O equipo de Costa dos Castros participa nun proxecto pioneiro de arqueoloxía pública en Inglaterra.

Estamos coñecendo a fondo a tecnoloxía do Digital Dig Team -“equipo dixital de escavación”- cos nosos socios de DigVentures. E despois, coa axuda da campaña de micromecenado de Costa dos Castros, levaremos o seu innovador sistema ao castro de Chavella en Oia! Segue lendo para saber máis…

Suffolk

Actualmente atopámonos en Suffolk, un condado ao este de Inglaterra e destino turístico para moitos pola beleza da súa costa e aldeas históricas.

Estamos participando nunha campaña de arqueoloxía pública en Leiston Abbey, unha abadía medieval rodeada de trigais e a uns 3 quilómetros da costa. Aquí os nosos compañeiros de DigVentures están a escavar nos arredores da abadía para intentar averiguar máis sobre o seu apaxionante pasado.

Leiston Abbey

Fano usando tecnoloxía punteira e estratexias innovadoras para acadar a máxima participación do público. En 2012 DigVentures logrou recadar 27.000 libras de particulares de todo o mundo para financiar unha investigación arqueolóxica en Flag Fen, un xacemento da Idade do Bronce tamén ao este de Inglaterra.

Flag Fen foi o pistoletazo de saída dunha serie de campañas de micromecenado basadas na participación activa do público na escavación; unha estratexia que agora potencian en proxectos como Leiston Abbey.

Dende 2014, DigVentures pon en movemento o seu “Digital Dig Team” (“equipo dixital de escavación”). Grazas a unha subvención de Heritage Lottery, puideron levar a filosofía da arqueoloxía pública ao seu máximo potencial.

“Trátase do primeiro sistema dixital móbil do mundo que combina o rexistro arqueolóxico coa xestión aberta das comunidades dixitais, e de xeito totalmente aberto” explica Lisa Westcott, unha dos seus creadores.

Un sistema que imos levar ao castro de Chavella en Oia, sendo por tanto a primeira vez que o Digital Dig Team se usa nun xacemento do territorio español.

Arqueoloxía para todos

O fascinante de Digital Dig Team é que calquera persoa de calquera parte do mundo pode seguir o proceso dunha escavación consultando todas as fichas do rexistro. Poden acceder tanto afeccionados como profesionais.

Pero o deseño de Digital Dig Team facilita non só a consulta de contidos, senón tamén a súa incorporación. O seu sistema é tan intuitivo que calquera pode rexistrar un achado ou un nivel arqueolóxico. De feito, isto é parte da aprendizaxe dos participantes nas escavacións de DigVentures e unha faceta esencial do carácter público das súas campañas.

Na última semana, o equipo de Costa dous Castros estivemos observando e participando na campaña de Leiston Abbey usando a tecnoloxía de Digital Dig Team. Sorpréndenos gratamente a implicación do público que vén á abadía a escavar, tanto afeccionadas coma estudantes e futuros arqueólogos. Aprendemos cada día sobre as estratexias comunicativas de DigVentures para atraer novos públicos na rede.IMG_0809

De Costa dos Castros ao mundo

Temos moitas gañas de empezar a aplicar os nosos novos coñecementos en Costa dos Castros, cando en agosto comecemos a campaña arqueolóxica no xacemento da Cabeciña en Mougás.

E como parte deste intercambio de Costa a costa, esperamos con moita ilusión a visita dos nosos compañeiros de DigVentures en outubro. Será durante a campaña de escavación do Castro de Chavella, en Oia, cando poñamos en marcha a primeira proba do Digital Dig Team nun xacemento español.

Costa dos Castros

Pero para facer realidade ese proxecto necesitamos a túa axuda. Lanzamos unha campaña de micromecenado para facer posible a campaña arqueolóxica e o “equipo dixital de escavación” de Chavella.

Colabora para que poidamos compartir co mundo o fascinante patrimonio de Costa dos Castros! Por tan só 15€ podes ter acceso ao Digital Dig Team de Chavella e seguir a campaña en directo dende o sofá.

E mentres tanto, iremos informando das novidades da nosa visita a Leiston Abbey neste blog, no noso Facebook e Twitter. Grazas por seguirnos!