Intenso verán gozando da cultura e o patrimonio de Oia

 

Na Asociación Costa dos Castros pasounos o verán voando, cheo de actividades organizadas para difundir o patrimonio cultural de Oia entre a veciñanza e as persoas que nos visitaron desde outros lugares: excursionistas, viaxeiros, xente de paso, turistas de vacacións que estaban interesados pola historia e cultura local… Tamén os peregrinos do Camiño pola Costa sentíronse atraídos por toda a riqueza que atesoura esta zona do sur das Rías Baixas.

A intensa tempada estival na Costa dos Castros comezaba coa visita do grupo de estudantes que cada ano trae a profesora Suzanne desde Portland (Estados Unidos), dentro dun programa universitario que percorre varias localidades de España. Suzanne sempre fai un oco para pasar un días en Oia, este ano cun grupo especialmente numeroso que estivo con nós a principios de xullo.

Costa dos Castros, visitas
Veciños e visitantes de Portland (Estados Unidos) de festa en Mougás.

Na súa escapada transatlántica, os nosos visitantes coñeceron o castro e petróglifos da Cabeciña, onde quedaron marabillados pola súa historia e paisaxe de mar e montaña, e aproveitaron un tramo da Ruta Máxica de Oia para camiñar un pouco e refrescarse nas Pozas de Mougás. Tamén descubriron os segredos que agocha o barrio do Arrabal, xunto ao Mosteiro de Oia, e se achegaron ata os excepcionais gravados de Auga dos Cebros, en Pedornes.

Pero non só se dedicaron a facer turismo en Oia, senón que tamén asistiron a unha clase sobre gaita impartida por Patricia Cela e Louis Vasquez, unha actividade teórica que concluíu cunha parte práctica baseada en…. Facer festa con música tradicional, comida e, por suposto, queimada!!! Pasámolo moi ben veciños e visitantes xuntos…. Tanto, que xa estamos agardando que volvan o próximo ano.

Visitas guiadas e festa

Aínda co sorriso nos beizos, dos bos momentos pasados co grupo estadounidense, a mediados de xullo comezabamos a campaña de visitas guiadas de verán de Costa dos Castros, que este ano se desenvolveu con 4 propostas diferentes e 3 puntos chave do patrimonio de Oia: A Cabeciña (diúrna e nocturna) o petróglifo de Auga dos Cebros (nocturna) e o Arrabal (diúrna). Participaron nesta campaña veciños da zona, persoas chegadas doutras zonas de Galicia, de España e mesmo de países como Portugal, Alemaña, Francia, Estados Unidos e Arxentina, entre outros. En total, contabilizáronse unhas 500 visitas nos 2 meses nos que se desenvolveu a programación.

visitas guiadas de verano Costa dos Castros. Arrabal. Oia.
Visita guiada polo barrio do Arrabal (Oia)

Unha vez rematada a campaña de visitas guiadas gratuítas, a mediados de setembro celebramos o Festival do Rei Sol, un evento lúdico-festivo con 3 xornadas de actividades deseñadas para valorizar o patrimonio material e inmaterial de Oia. Talleres infantís, unha charla-coloquio a cargo da escritora Sonia María García García e unha andaina abriron a programación da festa, que celebrou o seu día grande o 17 de setembro no castro de Cano dos Mouros (Viladesuso). Nun entorno de paisaxe sen igual, gozamos co solpor, co teatro do Mellor de Cada Casa, coa música da Fiada e cos Contos do Rei Sol, o espectáculo que nos compartiu o actor Avelino González.

O público aplaude ao grupo O Mellor de Cada Casa (Viladesuso) tras a sía representación no Festival do Rei Sol
O público aplaude ao grupo O Mellor de Cada Casa (Viladesuso) tras a sía representación no Festival do Rei Sol

 

Arqueoloxía

Pero non todo foi festa, pois tamén houbo algo de arqueoloxía durante o verán. Durante o mes de xuño desde Costa dos Castros nos sumamos á iniciativa internacional #MuseumWeek difundindo contidos en Twitter e en xullo participamos no #DayofArchaeology cun artigo que foi publicado na súa web.

Ademais, a principios de setembro na Asociación fomos de visita ás espectaculares salinas romanas de Mougás e Viladesuso para coñecer os avances da intervención desenvolvida baixo a dirección da arqueóloga Mar Cortegoso, coa financiación da Xunta.

Salina no Aguncheiro (Mougás-Oia).
Salina no Aguncheiro (Mougás-Oia).

Aquí termina o noso resumo das principais actividades dos últimos meses, pero advertimos de que xa estamos dándolle voltas á cabeza perfilando novas ideas coas que botaremos a andar proximamente…

Permanecede atentos!!