Costa dos Castros participa en Portugal nas Xornadas “Fazer com tod@s” da asociación RIBACVDANA

convite

 

A Asociación Costa dos Castros vén de ser convidada a participar nas xornadas “Fazer com todo@s. Arqueologia, Museus e Comunidade (s)” que se celebrarán no Museu do Côa (Portugal). O evento está promovido por RIBACVDANA– Associaçao de Fronteira para o Desenvolvimento Comunitário  e será un espazo de encontro e debate sobre arqueoloxía e museoloxía social.

Concretamente, as xornadas buscan congregar investigadores e institucións que desenvolven proxectos de arqueoloxía e museoloxía social para promover o debate entre especialistas e comunidades. Tamén busca promover abordaxes co-creativas, de xeito que estas disciplinas sexan receptivas ás necesidades e dean voz ás persoas que habitan nos territorios.

As xornadas celebraranse os próximos 26 e 27 de abril no Auditorio do Museo do Côa (Vila Nova de Foz-Côa. Portugal). Xunto a outros proxectos, Costa dos Castros exporá a súa experiencia nun panel titulado “Fazer com todos. Por unha arqueoloxía socialmente comprometida” (venres 26 de abril, 15.30h. –hora portuguesa-).

Na Asociación CdC queremos dar as grazas á RIVACVDANA, e nomeadamente ao coordinador das xornadas José Paulo Francisco, polo seu convite. Sen dúbida será unha experiencia moi enriquecedora que nos permitirá coñecer e aprender doutros proxectos que se están a desenvolver no territorio!

Toda a información sobre as xornadas tédela na propia web de RIBACVDANA e tamén no evento que teñen creado en Facebook.

A actividade é gratuíta baixo inscrición, así que, se a axenda volo permite, animádevos a asistir! Aquí tedes o programa.

Costa dos Castros participa nas xornadas Fazer con Todos Arqueologia, Museus e Comunidades en Portugal