Retomamos os traballos arqueolóxicos no castro da Cabeciña!

Durante todo o mes de agosto un equipo internacional de 15 persoas traballará para intentar resolver as moitas incógnitas arredor deste xacemento.

A principios de 2015 unha escavación da Deputación de Pontevedra superou as nosas expectativas do que podía esconder o castro.

Pero os restos atopados formularon máis preguntas que respostas. Indicios dunha construción en madeira suxiren unha ocupación moi temperá, pero cando se empezou a habitar o castro exactamente? Que funcións tiñan os edificios de pedra encontrados? Estaban relacionadas co comercio marítimo cos pobos mediterráneos, supostamente tan importante para esta costa?

Este verán, e grazas ao financiamento da Comunidade de Montes de Mougás e a colaboración do Incipit-CSIC, imos poder intentar responder a estas preguntas.

Moitas incógnitas, moitos obxectivos

“Avanzar no coñecemento da secuencia de ocupación do castro é o primeiro obxectivo desta campaña”, conta o seu director arqueolóxico Carlos Otero.

Pero todo traballo de escavación se fará con vistas á futura conservación do xacemento. É o noso segundo obxectivo: “procederase para que a restauración dos restos sexa máis doada e poidan ser destapadas definitivamente” explica Carlos.

Para axudar con este labor, tamén contamos coa colaboración experta de restauradora Yolanda Porto.

Ademais da conservación e a investigación, esta campaña ten un obxectivo primordial: a formación de estudantes de arqueoloxía ou persoas interesadas no patrimonio.

Por iso, durante agosto estarán connosco dez voluntarios de diferentes puntos de Gran Bretaña, España e Canadá para axudarnos a comprender mellor o castro da Cabeciña, á vez que afondan o seu propio coñecemento da arqueoloxía.

A Cabeciña. Día 1

Hoxe moitos do equipo coñeceron o xacemento da Cabeciña por primeira vez…

Para algúns tamén era a primeira vez que usaron unha estación topográfica. Aquí vemos aos arqueólogos Israel e Carlos coas estudantes Marta e Yaiza na sesión introductoria de hoxe.

A Cabeciña Día 1

 

A estación topográfica é unha ferramenta fundamental, coa que máis adiante poderemos facer un plano exacto do xacemento e facer o rexistro arqueolóxico.

O seu uso e funcións é unha das cousas que aprenderemos durante esta campaña, xunto con técnicas de escavación, rexistro de materiais e creación de modelos 3D… Queda tanto por aprender!

Podedes seguir este blog para ter información actualizada diaria de todo o que acontece na escavación. Esperamos poder ofrecervos moitas respostas aos segredos da Cabeciña.

E non esquezades que tamén podedes ver a arqueoloxía en directo! Temos visitas guiadas gratuítas de martes a domingo ás 12:00, máis sesións adicionais os sábados e domingos ás 19:00.

Ou simplemente podes pasar para ver o xacemento por libre. A Cabeciña sempre está aberta!

Para máis fotos da xornada preme aquí.