Mans á obra! Isto é A Cabeciña!

Empezamos con moitas forzas a segunda xornada. Trala primeira toma de contacto co terreo realizada o primeiro día, por fin poderiamos empezar a chantar os sachos e dar inicio aos traballos arqueolóxicos. Pero antes de que comezase o Rock and Roll, aínda tiñamos pendentes algúns labores previos.

O día prometía na Cabeciña: facía sol e corría unha agradable brisa, circunstancia que, combinada cos ánimos e ilusións de todo equipo anglo-galego, creaba o cocktail perfecto para arrancar coa ampliación da Sondaxe 3 e tratar de responder as incógnitas que queremos resolver con esta campaña.

Pero antes de que os sachos empezasen a ruxir para retirar a capa vexetal, era necesario reformular as sondaxes. Para iso, situamos as catro esquinas da sondaxe coa estación, o que nos permite telos perfectamente identificados e situados no espazo (georreferenciados) con vistas a futuras intervencións.

Cos catro puntos situados, tiramos a corda que marca os límites do lugar de actuación.

Escavación castro

Preparando o terreo

Aínda que xa ansiosos por comezar a escavar, aínda quedaba un último paso: facer a foto de inicio, na que se reflicte o punto do que parten os traballos. Pode parecer unha sinxela imaxe da capa vexetal do terreo, pero é moi importante que quede debidamente rexistrada e fotografada.

Agora por fin podía comezar o momento máis esperado por todos, o de chantar as os sachos na terra e ir retirando a primeira capa vexetal. Aínda que non o pareza, é moi necesario que sexamos coidadosos dende o principio, pois se debe ir escavando capa a capa, nunca varias á vez. Así, carretas e carretas de terra e herbas foron retiradas da zona xa nesta primeira xornada de escavación.

Escavación castro

Pola súa parte, Sarah e Rebecca, as compañeiras encargadas do rexistro fotográfico en 3D do xacemento, tamén se puxeron mans á obra. Tomaron decenas e decenas de instantáneas da zona e… por agora non vos imos contar máis! En próximos artigos daremos máis detalles e adiantarémosvos os primeiros resultados do seu traballo.

Todas estas tarefas foron seguidas por algúns veciños de Mougás, que se animaron a pasar pola zona, pero tamén por visitantes vidos doutras localidades. Este foi o caso de Raúl, Adolfo e a cadeliña Rúa, que seguiron atentamente unha das visitas guiadas que se desenvolven todos os días ao longo deste mes.

Se queres coñecer todo o que che imos contando e ser testemuña do que acontece ao longo desta campaña, non dubides en pasarte por aquí, pois temos visitas guiadas de martes a venres ás 12.00 horas e os sábados e domingos ás 12.00 e ás 19.00 horas. Traballo en equipo, arqueoloxía e un marco natural incomparable espérante tódolos días deste mes de agosto!

Escavación castro

Para ver máis fotos da xornada de hoxe preme aquí.