‘Antropolo-Día’ na Cabeciña

Os traballos que se desenvolven en Costa dos Castros non son só arqueolóxicos. Tamén seduciron á antropoloxía, unha disciplina encargada de estudar as manifestacións humanas e culturais, sobre a cal falaremos neste artigo, aproveitando actividades que realizamos hoxe.

E é que tivemos un Antropolo-Día: o noso equipo multidisciplinar puido coñecer en detalle o traballo que vai desempeñar a antropóloga Guadalupe Jiménez-Esquinas (do Incipit-CSIC) connosco ao longo deste mes.

Foi coa axuda da súa compañeira do Incipit-CSIC, Cristina Sánchez-Carretero, que hoxe visitou a Cabeciña e impartiu xunto con Lupe un curso de técnicas de investigación antropolóxica para o equipo.

Así, coñecemos que Lupe estudará as implicacións sociais que teñen os traballos na Cabeciña dentro dun proxecto europeo denominado NEARCH (Novos Escenarios para a Arqueoloxía, en inglés).

A Cabeciña. Día 3.

Entre outros obxectivos, NEARCH persegue poñer de relevo o compoñente social da arqueoloxía e deseñar un novo modelo económico para unha práctica sustentable tanto desta actividade coma da xestión do patrimonio.

Lupe viu en Costa dos Castros un exemplo claro destes innovadores xeitos de facer arqueoloxía e un caso perfecto para estudar dentro do proxecto europeo.

Pero o seu labor non será un estudo dende a distancia, senón que, como ben nos explicaron ela e Cristina no transcurso do seu obradoiro, unha das tarefas principais do antropólogo é a observación participante, é dicir, formar parte do grupo obxecto do estudo.

Outras técnicas sobre as que falaron foron a entrevista e os grupos de discusión, ferramentas que, xunto coa observación participante, empregará Lupe na súa investigación durante a campaña na Cabeciña este agosto, e que todos os compañeiros puideron probar hoxe en primeira persoa ao realizar unha pequena práctica.

A Cabeciña Día 3
A antropoloxía, tamén no bar!

Pero os coñecementos adquiridos non quedaron neste curso express, senón que tiveron continuación na primeira das Barferencias de Costa dos Castros, que se desenvolverán cada mércores deste mes de agosto e que están abertas a todas as persoas que queiran acudir.

A primeira do ciclo de charlas desenvolveuse no Cámping O Muíño e estivo protagonizada por Cristina. Ela explicounos que a moita xente lle soa a antropoloxía pola serie Bones, pero que, en realidade, dentro deste campo de estudo se investigan moitas máis cousas!

Como exemplo da variedade de investigacións que se poden realizar, falounos das súas experiencias en proxectos tan diversos como a análise do contido das mochilas dos peregrinos no Camiño de Santiago, da vida na Illa de Ons ou das prácticas relixiosas en República Dominicana.

Por suposto, Costa dos Castros e as súas características singulares foron parte importante da intervención de Cristina, quen deixou o listón moi alto enganchando o público dende o minuto un.

Algún seguro que xa está a contar os días que faltan para a seguinte Barferencia. Que mellor plan que un animado coloquio mentres se degusta unha cervexa artesá A Cabeciña?

A Cabeciña. Día 3.

Preme aquí para ver máis fotos da xornada no noso Flickr.