A Cabeciña non para!

O equipo de A Cabeciña traballa arreo e xa se van notando os primeiros avances nas escavacións: terminamos de retirar a capa vexetal e comezamos a baixar ata a unidade estratigráfica 2. Aínda son necesarios os sachos, as pas e as carretas para retirar grandes cantidades de terra, pero ao mesmo tempo xa se van usando cepillos nas zonas onde é necesaria unha actuación máis delicada.

De xeito paralelo, se progresa na toma de fotografías que servirán para facer modelos 3D da zona. Esperamos poder mostrarvos o resultado dentro de pouco tempo, pois permitiravos observar unha grande cantidade de detalles e comprender mellor o xacemento.

Tamén se van ampliando as notas de Lupe, a antropóloga do equipo que vos presentamos no diario de campo de onte. O seu caderno, a súa cámara e o seu ordenador cada vez gardan máis información de utilidade na súas investigacións…

A Cabeciña. Día 5.

A Cabeciña. Día 5.
Traballos dentro e fóra da Cabeciña

Credes que A Cabeciña non para? Pois isto non é todo: non só progresan as tarefas sobre o terreo, senón que tamén crece o número de visitantes. Ao longo da mañá pasaron varios grupos que coñeceron o xacemento, foron testemuñas de como se fai un traballo arqueolóxico e gozaron coa espectacular paisaxe da zona durante as visitas guiadas.

Pero non todas as actuacións que os membros do equipo de Costa dos Castros están a desenvolver se realizan no xacemento. O traballo de oficina tamén require dedicación: hai que repasar os datos e as imaxes tomadas e procesar a información con programas informáticos, tarefas igualmente importantes.

Pode que esta parte do traballo sexa a menos vistosa e coñecida, pero é esencial para que o proxecto continúe avanzando e, ademais, o faga con éxito.

A Cabeciña. Día 5.

Preme aquí
para ver máis fotos da xornada no noso Flickr.