Vocabulario arqueolóxico para afeccionados I

Se liches os últimos diarios de campo dá escavación na Cabeciña te soarán palabras e expresións como “sondaxe”, “unidade estratigráfica” ou “nivel”. Ao mellor sabes que significan. Ou ao mellor non.

Seguindo os preceptos da arqueoloxía en comunidade, queremos facer todo o posible por achegar esta ciencia á sociedade. Por iso decidimos publicar unha serie de artigos no noso blog, nos que trataremos de explicar termos arqueolóxicos habituais. Unha especie de dicionario especializado para todos aqueles que se interesan polo patrimonio pero descoñecen a xerga do sector.

Comezamos hoxe por un concepto arqueolóxico básico: a sondaxe, tamén chamada popularmente o “burato” ou “o cuadradito” (segundo comprobamos nalgunha das nosas visitas guiadas).

Podes mirar o álbume de fotos máis abaixo para exemplos prácticos do castro da Cabeciña.

O tamaño non importa

Á hora de nomear o espazo onde escavamos utilizamos distintos nomes. A nivel coloquial, podemos falar de sondaxe, gabia, cata, etc… pero hai uns matices que nos permiten distinguir os distintos conceptos.

Máis que unha cuestión de tamaño, o que os distingue é o obxectivo co que o facemos.

Unha exploración, abreviado cata, sería realmente calquera tipo de espazo que abrimos para facer unha escavación. Dentro das exploracións, poderiamos distinguir entre sondaxes, gabia e escavacións en área.

A sondaxe ten un carácter de avaliar a presenza de restos arqueolóxicos e a súa localización. A primeira vez que nos enfrontamos a un depósito, normalmente practicamos sondaxes valorativas que nos permiten comezar a entendelos. Por exemplo, no proxecto de principios de ano con Deputación de Pontevedra, formulamos cinco sondaxes valorativas no castro da Cabeciña.

A súa forma adoita ser de 3 x 3 m ou 4 x 4 m aínda que como dicimos, non é tamaño o que os distingue.

A gabia sería unha cata rectangular, alongado. As gabias permítennos localizar elementos lonxitudinais como fosos, canles, ou muros.

A escavación en área: Unha vez que practicamos as sondaxes e se decide que hai unha zona de interese para ampliar, podemos facer unha escavación en área. A finalidade xa non sería avaliar ou valorar senón seguir escavando, ampliar a escavación de cara a descubrir máis restos e seguir obtendo información.

O actual proxecto na Cabeciña sería unha escavación en área, ampliando a sondaxe 3, o máis frutífero da escavación da Deputación de Pontevedra a principios de ano.

O tamaño e forma dependerá da decisión do director, do tempo que dure o proxecto ou do persoal dispoñible. En función dos resultados ou do ritmo de traballo, pódese ir ampliando a escavación en área.

Neste álbume de fotos pódese mirar a evolución da sondaxe 3 e ampliación no castro da Cabeciña, dende principios de 2015 ata a actualidade.

A Cabeciña: sondaxe 3 e ampliación.

Esperamos que a nosa escavación en área sexa igual de frutífera como foi a sondaxe, e que moi pronto teñamos moitos resultados que nos poidan servir como exemplos prácticos que ilustren as futuras edicións deste dicionario arqueolóxico.

Recorda que tamén podes pasarte pola Cabeciña e contrastar estes conceptos coa realidade. Os membros do equipo estaremos encantados de resolver as túas dúbidas en calquera momento. Tamén hai visitas guiadas gratuítas de martes a venres ás 12:00 e os sábados e domingos ás 12:00 e 19:00.

Ata pronto!