Os goles non chegan sós, senón a golpe de traballo

A arqueoloxía pode ser unha disciplina desagradecida. Pola propia metodoloxía de traballo, hai días de moito traballo, de mover terra, de limpar pedras, dun traballo duro pero que non loce. A arqueoloxía é coma o fútbol, hai partidos que se gañan nas áreas, con grandes goles e xogo dinámico, e outros partidos que se gañan no medio de campo, con xogo duro pero pouco visible.

Os primeiros días de traballo na Cabeciña foron partidos de centro de campo, pero xa estamos chegando aos primeiros goles. Os goles non chegan sós, senón a golpe de traballo.

Hoxe o equipo empezou o día con gañas. Despois de dous días con chuvias continuas que non nos deixaron traballar en campo todo o que queriamos, había gañas de Rock and Roll.

serrando pé de árbore en A Cabeciña

Por unha banda, Marta, Alba, María, Yaiza, Pablo, Carlos e John atacaron a parte Norte con enerxía. Puxéronse en batería e foron baixando xuntos, retirando as pedras soltas do derrube ao tempo que limpaban a superficie. Un traballo duro que contaba co reforzo de Xosé levando as carretillas de pedra á escombreira.

Pola outra banda, na zona Leste da escavación, Israel, Catherine e Josh tamén comezaron a mover as pedras do derrube, desexosos de chegar aos niveis inferiores.

Escavando na Cabeciña

Ruído, forza e movemento

A mañá comezou a ritmo de rock and roll, ou mellor dito, de heavy metal. Ruído, forza e movemento, pero acabaría a ritmo de jazz.

Cara última hora da xornada, na zona Norte o duro traballo dera bos resultados. Tras retirar o derrube que cubría a superficie, aparecen outros pequnos derrubes que haberá que rexistrar e documentar. Acompañando estes derrubes, aparecen os primeiros sinais de estruturas máis claras.

Na zona Leste, Israel comezou a desenterrar cerámica. Hoxe foi un bo día con respecto a achados, pero sobre todo destacan varios anacos cerámicos atopados na mesma zona e que forman parte do mesmo cacharro. O máis salientable é que este cacharro ten unha decoración cun engobe de puntos negros. Haberá que limpar os anacos para poder determinar orixe e cronoloxía, pero a priori, a cerámica atopada parece corresponderse con ese último momento de ocupación do castro.

visitas guiadas

Xosé continuou coas visitas guiadas, que contaron hoxe con 25 participantes e que, nestas menos de dúas semanas, ascenden xa a case 200 asistentes! Ademais, os que acudiron á cita de hoxe ás 12.00 horas, puideron vivir o momento de atopar os anacos de cerámica e compartir a emoción do equipo vendo que pegaban e formaban parte do mesmo cacharro.

Mañá será outro día na Cabeciña. Outro día que afrontaremos coma sempre con ilusión e gañas de traballar. O traballo en equipo, o traballo pouco visible do centro de campo está dando os primeiros froitos. Agardamos que mañá sigamos metendo os primeiros goles da campaña, e sobre todo, que esteades aí, visitándonos ou seguíndonos pola rede para poder compartilos con todos vós.

Cerámica engobe A Cabeciña