PRENSA: Amplíanse as barferencias da Costa dos Castros cunha charla sorpresa o sábado 22

As barferencias, charlas divulgativas organizadas en diferentes locais da parroquia de Oia con motivo das escavacións arqueolóxicas no castro da Cabeciña, contarán cunha nova cita que se engadirá ás catro xa programadas para este mes de agosto.

Esta nova conferencia será especial e, por tanto, terá as súas propias particularidades. En primeiro lugar, o título e a persoa encargada da charla serán unha incógnita ata o comezo de actividade.

Ademais, a barferencia sorpresa se desenvolverá nun día diferente ao das demais xa previstas. Se tódalas charlas programadas se celebran en días laborables, a nova e misteriosa actividade terá lugar en fin de semana, concretamente o día 22. Será no restaurante Porto dos Barcos ás 19:00 horas.

De tódolos xeitos, como pista, cómpre dicir que se falará sobre elementos patrimoniais próximos e coñecidos por todos desta zona do Baixo Miño. Ao longo desta semana daremos máis pistas nas nosas redes sociais (Facebook e Twitter).

As barferencias, no seu ecuador

O ciclo de barferencias é unha actividade divulgativa que se desenvolve ao longo deste mes de agosto, de forma paralela aos traballos que un equipo multidisciplinar composto por arqueólogos, antropólogos e voluntarios está a desenvolver no xacemento de A Cabeciña (parroquia de Mougás, concello de Oia, Pontevedra).

Mentres se avanza nas escavacións e nos estudos, aprovéitase para facer actividades divulgativas que reúnan a veciños, turistas e membros do equipo para asistir a unha presentación e debater coloquialmente sobre diversos temas. Até o de agora, as barferencias están contando cunha boa acollida: un público moi atento que non só se conforma con escoitar, pois non dubida en facer as súas preguntas e abrir debate.

Na primeira das conferencias (5 de agosto), a investigadora do Incipit-CSIC Cristina Sánchez-Carretero debullou os labores da súa profesión a través dunha selección de ‘Anécdotas dunha antropóloga’. O segundo poñente (12 de agosto) foi o arqueólogo e director da escavación, Carlos Otero, quen desvelou os segredos da alimentación castrexa ilustrando como podería ter sido un banquete no castro da Cabeciña.

Hoxe chegarase ao ecuador do ciclo, coa suxestiva charla da antropóloga investigadora do Incipit-CSIC Guadalupe Jimenez-Esquinas e a súa proposta de ‘Cómo facer o amor co patrimonio’. A cita será no Camping Mougás ás 20.00 horas.

Rompendo o esquema habitual, o sábado 22 será a barferencia sorpresa (ás 19:00 horas no restaurante Porto dos Barcos) e, finalmente, o ciclo se pechará o luns 24 de agosto na Casa da Cultura de Mougás, escenario onde o investigador do Incipit-CSIC César González fará unha exposición titulada ‘De astros e castros: como a astronomía pode explicar a arqueoloxía’.

Proxecto Costa dos Castros

A escavación que este mes de agosto se desenvolve no xacemento da Cabeciña está impulsada pola Comunidade de Montes de Mougás no marco do proxecto Costa dos Castros e conta co apoio do Incipit-CSIC.

Os traballos céntranse en ampliar a sondaxe 3, aberta a principios deste ano por arqueólogos da Deputación de Pontevedra, aínda que tamén se están realizando actividades paralelas de carácter divulgativo coa fin de achegar ao público o que se vai facendo.

Visitas guiadas

As barferencias non son as únicas accións divulgativas que se desenvolven ao longo do mes. Tamén se pode ver arqueoloxía en plena acción nas visitas guiadas ao xacemento, que inclúen a posibilidade de ver traballar ao equipo durante as escavacións.

No que vai de campaña, máis de 200 persoas decidiron coñecer os petróglifos, a muralla e o castro da Cabeciña a través dunha das visitas interpretativas, aproveitando tamén para ser testemuñas de primeira man do xeito no que se desenvolven os traballos arqueolóxicos.

As visitas son gratuítas e teñen os seguintes horarios:

-De martes a venres ás 12.00 horas.

-Sábados e domingos ás 12.00 e ás 19.00 horas.