Terra, pedras e algunha boa sorpresa...

Hoxe queremos comentar os avances na zona este da escavación, “a parte baixa”. Aí Israel e o seu equipo levan días sacando cubos cheos de terra e pedras, aínda que con bastantes sorpresas entre medio… entre elas, fragmentos de cerámica romana, da Idade do Ferro e mesmo algún da Idade do Bronce.

Esta semana o equipo rexistrou unha nova unidade estratigráfica, que souberon distinguir pola cor e composición da terra. Tras varios días sacando un depósito de pedras e terra de cor oscuro, que probablemente se corresponde co derrube dalgunha estrutura, esta semana deron cunha terra de marrón máis claro e con menos pedras.

A Cabeciña. Día 15.

A cor da terra é un indicio moi común para identificar un novo nivel. Neste caso, seguramente pertenza a un momento posterior á ocupación do castro. Aínda así, tamén apareceu algunha sorpresa; a máis interesante, unha ficha de xogo romana que encontrou Becky.

Pero os avances non rematan aquí. Tamén apareceron varias estruturas dentro da área. Unha delas é a clara continuación do muro de separación ou contención xa escavado na primeira campaña a principios de ano. A outra podería ser un muro de contención que serviría para aguantar unha terraza que se podería ter construído para facer máis utilizable o terreo desigual do monte.

Neste video vemos o arqueólogo Israel explicando os diferentes elementos da área:

Que haberá debaixo deste novo nivel? Confirmarase a teoría do muro de contención? Isto significaría que A Cabeciña foi posiblemente un castro moito máis monumental do que pensabamos. E entón quizais o que nos parecía unha canle foi máis ben unha zona de circulación dunha parte do castro a outro. Pero só podemos seguir escavando para sabelo…

Iremos informando dos avances no noso blog, Facebook e Twitter. Grazas por seguirnos!