Vocabulario Arqueolóxico para Afeccionados II

Para poder comprender como se desenvolven os traballos arqueolóxicos non está de máis coñecer algúns termos que se empregan no día a día das escavacións, e que teñen que ver moito co solo e as súas capas.

Seguro que se agora mesmo te falamos das unidades estratigráficas crerás que será un trabalinguas, mentres que se les algo sobre perfís, pensarás inmediatamente no Facebook ou no Twitter… Pero hai máis perfís que os das redes sociais. De feito, máis que de redes sociais, hoxe imos falar de repostería…

Neste segundo volume deste vocabulario arqueolóxico para afeccionados ímonos centrar en explicar estes dous conceptos: a unidade estratigráfica e o perfil. Agardamos que as saborosas comparacións que empregamos neste texto abran o teu apetito pola arqueoloxía, xa verás por que o dicimos!

A Cabeciña. Day 15.

A unidade estratigráfica (coloquialmente, o nivel)

É un estrato (capa) de terra ou outra cousa. Tamén se lle chama nivel. Os arqueólogos escavan capa a capa, quitando desde a máis moderna (o nivel de arriba), até a máis antiga.

O nivel de arriba -o solo polo que pisamos antes de escavar- soe ser unha capa vexetal. Unha vez retirada esta e, xeralmente, o subsolo, comezan os niveis arqueolóxicos propiamente ditos.

En calquera caso, as unidades estratigráficas (UE) non sempre serán niveles de terra. Un muro, unha gabia de cimentación dun muro, o solo dun edificio ou un buraco dun poste son tamén unidades estratigráficas.

A súa vez, os tipos de UE soen dividirse en depósitos, estruturas, derrubes, cortes e recheos.

Os niveis e terra diferenciámolos atendendo ás súas características. A color, o tamaño dos grans de terra ou a súa compactación son indicios a ter en conta para saber se seguimos no mesmo nivel ou, pola contra, estamos a atopar un novo, en cuxo caso habería que rexistralo. O proceso de rexistro quedará para outro artigo… así, imos pouco a pouco.

Escavar mantendo os niveis ten especial importancia, pois cada un deles é un contexto pechado. Deste xeito, se respectamos eses niveis poderemos relacionar os elementos que atopemos neles.

Unidade Estratigráfica
O perfil (a “caixa negra”)

O perfil é o corte vertical dunha sondaxe. Nel vense reflectidos os distintos estratos que escavamos, uns enriba doutros, polo que funciona como unha sorte de ‘caixa negra’ que garda información. O seu rexistro mediante fotografía ou debuxo é moi importante para coñecer o desenvolvemento dos niveis dunha mesma sondaxe.

Para facérmonos unha idea, é como se cortasemos un anaco dunha torta de galletas e miraramos a sección onde distinguimos cada unha das capas… Só que, neste caso, a nosa sobremesa é máis ben de terra e pedras.

Aínda que estes últimos ingredientes non son precisamente do máis doce que podemos probar, esperamos que este artigo te resultase apetitoso. E, se xa quedaches co mel nos beizos…. Seguro que quedarás con moitas ganas de aprender máis cousas sobre o apaixoante mundo da arqueoloxía.

Pola nosa banda, nós continuaremos divulgando contidos. Cunha pouca de sorte, teremos moitos exemplos prácticos para amosarvos a medida que avance a escavación no castro da Cabeciña.

Podes empezar por mirar este post que inclúe un video no que o arqueólogo Israel Alcón fala de varios dos conceptos deste artigo, dende a escavación da Cabeciña.