Monumental, querido Watson

Levamos consumidas tres semanas de traballos na Cabeciña. A superficie aberta vainos revelando novas informacións sobre o xacemento ao tempo que nos preparamos para estes últimos días de escavación con varias incógnitas que queremos resolver.

A principal conclusión á que chegamos nesta intervención é a de que estamos ante un castro moito máis monumental do que pensabamos nun principio. O obxectivo principal era o de ampliar a zona da cabana exhumada na primeira campaña para contextualizala e entender a súa relación co resto do poboado.

Ao redor da cabana, podemos entender agora como os habitantes do castro fixeron unha serie de traballos para acondicionar o terreo. Por unha banda, atopamos unha serie de muros de contención para xerar terrazas que fagan máis habitable o espazo. Isto lle outorga ao xacemento un aspecto moi pétreo, moi arquitecturizado, no momento de uso.

Por outra banda, atopamos outros muros que ademais da función de conter a terra para crear terrazas, teñen tamén unha función divisoria. Existen muros que o que están a facer é separar a cabana e os seus posibles edificios auxiliares do resto do poboado. É dicir, están delimitando un espazo privado ou familiar do espazo común e de circulación polo castro.

Estas son cuestións moi interesantes de cara á restauración dos restos xa que non se restaurará soamente unha cabana illada, senón que se poderá entender a circulación polo poboado e como estaban configurados os espazos. Ademais, coa restauración, A Cabeciña recuperará á súa monumentalidade, o seu marcado carácter pétreo.

Mais a escavación non rematou. Quédanos aínda uns días para poder despexar algunha incógnita máis.

Watson, déixeme pensar un momento só, coa miña pipa e o meu Stradivarius” A. Conan Doyle

A primeira delas é resolver a comunicación entre zona privada e zona común. No sector Leste, onde traballa Israel temos unha zona cun posible acceso escalonado ou en rampa. Nos primeiros días desta semana retiraremos o derrubo para confirmar ou desmentir a existencia deste acceso.

Por outra banda, na zona Norte, John especulaba coa posibilidade dunha posible estrutura na terraza xerada entre dous muros de contención que finalmente non aparece. Dende o punto de vista habitacional, a lóxica dese espazo sería dispoñer un edificio ou un espazo con algún tipo de uso.

A ausencia de estruturas e prácticamente de material neste sector fan pouco probable esta interpretación. Pero, e se non hai que explicalo como un elemento habitacional? John introduciu o outro día un elemento moi interesante. E se tratamos de explicar estas terrazas e muros de contención dende o punto de vista militar, defensivo, máis que habitacional?

A arqueoloxía continúa na Cabeciña nestes últimos días que se presentan apaixoantes. Se aínda non visitaches o xacemento, aproveita esta fin de semana nunha das nosas visitas guiadas. E coma sempre, fica atento ás nosas redes sociais (Facebook e Twitter) para ter toda a información.