Unha sobreira para A Cabeciña

Nas camisolas, nas botellas de cervexa… seguro que nalgures teredes visto a imaxe da Cabeciña: poderíamos resumila como unha composición formada polo curuto do monte presidido por unha solitaria e fráxil sobreira á luz da tardiña, pero realmente cóntanos moito máis.

Para coñecer todos os detalles falamos con Juan Pablo Venditti, o deseñador que confeccionou os logos da Cabeciña e de Costa dos Castros… E non só iso… Se tes asistido a algunha das visitas guiadas ao recinto arqueolóxico de Mougás, seguro que tiveches nas túas mans unha das súas obras: Juan é o autor da réplica do machado de bronce que se mostra durante as actividades interpretativas.

Machado de bronce Logo A Cabeciña

Pero como chegou a dar coas imaxes para A Cabeciña? O deseñador revelóunolo nunha interesante charla mentres tomabamos unha cervexa: recorrer á bebida dos castrexos quizais era o mellor xeito de sonsacarlle algúns dos seus segredos…

Para chegar aos logos que hoxe podemos ver, o primeiro que fixo Juan Venditti foi visitar a zona. En Semana Santa coñeceu a Cabeciña, analizou o aspecto que tiña o monte visto dende outros puntos de Mougás e observou detidamente fotografías da zona.

Froito dese estudo e da convicción de que para representar á Cabeciña había que fuxir dos típicos símbolos vinculados á cultura castrexa que están moi explotados, chegou á conclusión de que a solitaria sobreira que preside o outeiro tiña que ser o elemento principal sobre o que xirasen as súas composicións. Como nos explica, buscaba afastarse do “típico logo do castro e o petróglifo” e “buscar algo máis contemporáneo”.

Para Juan, o motivo da sobreira era irrenunciable, tendo en conta ademais que esta árbore non alude só ao lugar no que se asenta o castro senón tamén a todo o proxecto forestal que complementa a actuación na Cabeciña. “Había que rescatar a paisaxe”, explica, con certo ton reivindicativo.

Logo A Cabeciña

Dándolle voltas á cabeciña

Con estes puntos de partida ben definidos, o deseñador comezou a darlle voltas á cabeciña (neste caso á súa), e creou unha grande cantidade de posibles deseños: bosquexos á man, probas en diferentes tonalidades… algúns foron quedando descartados, mentres que outros fóronse afinando até chegar ás creacións definitivas.

Moitas foron as posibilidades que barallou: a imaxe exacta da sobreira, un debuxo a man, un deseño sinxelo (que non simple) pero non exento de contido simbólico… E foi esta última opción a que finalmente triunfou.

A cor foi outro dos aspectos que lle deu algo de traballiño… finalmente, para o logo das camisetas elixiu o negro, mentres que para o deseño da etiqueta para a cervexa optou por tonalidades inspiradas nas camisetas da California dos anos 80, coa intención de darlle “un aire vintage”, indica Juan. De onde lle chegou esta inspiración? Algo tiveron que ver os surfeiros que aparecen de cando en vez por Mougás buscando boas ondas…

Cervexa A Cabeciña

Os segredos do deseño do logo da camisola

O logo negro da Cabeciña que podemos ver en camisolas, carteis e outros elementos mantén o principio de colocar a árbore como icona e xogar co resto de elementos: o mar, a montaña, a posta do sol… E tamén agocha algún que outro segredo que agora nos desvela o seu creador.

Por exemplo, se nos fixamos na sobreira do debuxo, decatarémonos de que no lado da nosa dereita hai máis follas que no lado da esquerda. Isto non é casual, senón que é o xeito no que Juan trasladou ao deseño a silueta da árbore real.

Outro elemento que nos podería pasar desapercibido é a representación do machado de bronce atopado no xacemento. Moitos pensarán que a ambos lados das palabras ‘A Cabeciña’ hai unhas cruces en forma de X, pero, se nos paramos a mirar ben, distinguiremos que realmente son as siluetas de dous machados cruzados.

Este machado é ben coñecido para o artista xa que, como xa dixemos, foi el mesmo quen se encargou de realizar a réplica que se mostra durante as visitas guiadas.

Agora só tes que coller a túa camiseta da Cabeciña e tentar distinguir os elementos dos que te falamos neste artigo. E, se ademais podes acompañalo con algunha das nosas cervexas… Non te esquezas de revisar a etiqueta!

Juan VendittiPreme aquí para ir á páxina web de Venditti Graphics.