“Considero que as nosas árbores autóctonas son un verdadeiro tesouro”

O reconto da campaña de micromecenado de Costa dos Castros segue a subir. Hoxe imos coñecer o caso particular dunha colaboradora, Nieves, que non deixa de sorprendernos pola súa sensibilidade e xenerosidade, como demostra nesta entrevista.

Dende que inauguramos a campaña en xullo tivemos un goteo de aportacións de persoas que ían coñecendo a Costa dos Castros e animándose a colaborar. Ofrecemos varios niveis de colaboración, con diferentes recompensas.

Ata o momento hemos recibimos 6 aportaciones para o nivel “Equipo Digital de Excavación”, 11 para “A Barca de Pedra”, 16 para “Botando Raíces”, 1 para “Aventureiro 3D” y 2 para o nivel “Chavella Champion”.

Cun 30% do obxectivo acadado e a falta dun mes para o peche da campaña, podemos dicir que grazas ao micromecenado, imos poder realizar o proxecto arqueolóxico de Chavella e plantar moitas máis árbores no arboreto de Mougás. Asemade, estamos traballando neste último tramo da campaña para poder acadar o máximo posible para actuar sobre o petróglifo singular de Auga dos Cebros.

Algo menos dun tercio dos colaboradores son estranxeiros, grazas ao gran traballo de difusión que están a facer os nosos compañeiros ingleses de DigVentures.

Pero cando unha tarde comezaron a chegar múltiples notificacións da compra repetida dunha árbore tras outra por unha tal “Nieves P”, a directora de DigVentures, Lisa, contactounos sorprendida. “¿Será un erro?” preguntábanos, mentres o reconto do micromecenado seguía subindo.

Pronto saímos de dúbidas por un email da propia colaboradora a Costa dos Castros. Nieves fixo en total nove aportacións para o apartado de “Botando Raíces”, é dicir, aportou 9 novas árbores ao arboreto de Mougás, pero no foi un erro. Ao contrario, foi unha decisión moi lúcida pola súa banda…

Nesta pequena entrevista coñecemos algo máis sobre as motivacións de Nieves Pilar Vidal e a súa xenerosa aportación.

O lugar do arboreto de Mougás.
O lugar do arboreto de Mougás.

Como coñeciches o proxecto Costa dos Castros?

Vin o cartel das visitas guiadas a A Cabeciña na oficina de turismo de Oia. Fun á visita cunha amiga que leva as páxinas web de outras asociacións da zona, e aí entereime do proxecto. Logo outro día fun a unha das “barferencias” e atopei a outro amigo, esta vez compañeiro de Bioloxía e que tamén está no proxecto, así que cando volvín a casa púxenme a buscalo na rede.

A que te dedicas?

Traballo en Santiago de Compostela, nun laboratorio de cultivo in vitro de especies leñosas, como Científico Titular do Departamento de Fisioloxía Vexetal do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, do Consello Superior de Investigacións Científicas.

O que facemos é cultivar as árbores en tarros de vidro ou plástico, en condicións asépticas, para conservalas, estudialas a varios niveis (fisiolóxicos, bioquímicos, xenéticos…) e por suposto propagalas e que poidan ser utilizadas para plantacións.

Nieves Vidal, nunha visita guiada na Cabeciña (terceira pola esquerda).
Nieves Vidal, nunha visita guiada na Cabeciña (terceira pola esquerda).

Porque decidiches colaborar na nosa campaña de micromecenado, e máis concretamente na categoría “Botando raíces”? 

A idea de implicar á xente na recuperación do patrimonio cultural paréceme moi boa. E ademais esta iniciativa toca tamén o patrimonio natural, integra a xente do lugar, ten plantexado facer actividades con escolas, ten cervexa… Non quería quedarme fóra.

Eu coñezo a zona dende hai anos, porque os meus pais fixeron unha casa en Pedornes cando era unha rapaza. Ao enterarme do proxecto agradecín moito a oportunidade de facer algo para colaborar, para poñer o meu grao de area en participar nun esforzo común para descubrir os tesouros agochados na zona.

Aínda que fixen unha pequena colaboración na “barca de pedra”, o de actuar tamén sobre as árbores tocoume a fibra sensible, porque considero que as nosas árbores autóctonas son un verdadeiro tesouro. As plantas gústanme dende que teño uso de razón, pola influencia da miña nai, e pareceume boa idea participar cun bosque “familiar”, regalando árbores á miña familia e a algúns amigos especiais.

Logo pensei que igual podería aportar tamén a miña experiencia profesional. Nun dos estudios que estamos levando a cabo, traballamos coa Asociación Galega de Froita Autóctona do Eume. No concello de San Sadurniño plantaron unha horta con dous exemplares de variedades de froiteiras autóctonas que van recollendo pola zona e polo resto de Galicia. Dan froitas, pero son moito mais que froitas ricas e saborosas. Son tamén a herdanza dos nosos antepasados. Unha herdanza que, como as pedras dos castros, hai que descubrir, rescatar, coidar, mimar. Nós temos en cultivo algunhas desas árbores e pensei que podería ser boa idea ofrecelas para “Botando raíces”, xunto con exemplares de castiñeiro, carballo, bidueiro, etc, tamén recollidos en zonas de Galicia. E niso estamos!

Recorda que, como Nieves, ti tamén podes colaborar con Costa dos Castros! Máis información na páxina da campaña de micromecenado.