Festa do Rei Sol: Información Práctica

Este sábado 26 de setembro participa na Festa do Rei Sol no castro de Cano dos Mouros, unha xornada de Portas Abertas para axudarnos a limpar este castro en Viladesuso (Oia), ou simplemente para gozar dunha foliada neste espazo e as súas vistas espectaculares sobre o océano Atlántico.

Todo o mundo está convidado a participar. Aquí poñemos algo de información práctica para os interesados.

Por que a Festa do Rei Sol?

Nunha rocha preto do castro, chamada a “Cadeira do Rei Sol”, existe unha lenda. Segundo esta lenda, nesa rocha sentaría o Rei Sol todos os atardeceres para mirar o solpor. E realmente, os solpores dende este punto son impresionantes, por iso queremos dar a benvida ao outono todos xuntos rememorando ao Rei Sol.

O plan é facer unha xornada de limpeza vexetal entre todos e rematar cunha romería ao son das gaitas, cunhas cervexas artesás A Cabeciña mentres desfrutamos dunha fermosa posta de Sol.

O programa

A xornada comezará ás 09:30 cos traballos de limpeza, pararemos ás 14:30 para comer (a comida dos voluntarios corre pola conta da Comunidade de Montes de Viladesuso). Pola tarde, despois dun par de horas máis de traballo, pararemos ás 18:30 para facer unha visita guiada ao xacemento, abriremos os grifos de cervexa A Cabeciña e postos de empanada, comezará a foliada e agardaremos todos xuntos á posta de sol.

Podes vir limpar ou simplemente despois das 18:30 a pasalo ben con nós.

Como participar

Se simplemente queres visitar o castro ou participar en calquera das actividades a partires das 18:30, non tes que inscribirte, só aparecer!

Se queres botar unha man coa limpeza do castro, tes que avisarnos con antelación (ata o venres ás 21:00 aceptamos voluntarios). Podes avisarnos chamando a 666435832, escribindo a costadoscastros@gmail.com ou nunha mensaxe privada ao noso Facebook (www.facebook.com/costadoscastros).

A Comunidade de Montes de Viladesuso aportará ferramentas e guantes de traballo. De todos xeitos, se podes traer as túas ferramentas e/ou guantes, mellor que mellor! Farán falta angazos, fouces, podóns, forcas…

Como chegar
  • Pola estrada Baiona – A Guarda PO-552 en dirección A Guarda.
  • Pasando Mougás, nun pequeno cambio de rasante hai unha valla publicitaria con información do Picadeiro O Rancho. Tomar o desvío á esquerda tal e como indica a información.
  • Continuar ata un primeiro cruce que indica Viladesuso á dereita e Mougás á esquerda. Continuar dirección Mougás.
  • Ao chegar ao seguinte cruce, seguir ás indicacións de Picadeiro O Rancho e Casa Forestal.
  • Continuar pola mesma estrada ata chegar ao Picadero O Rancho. Continuar 500m. e chegaremos a destino. Hai zona de aparcadoiro ao carón das antenas.

Aquí hai un Google Map coa localización exacta do castro de Cano dos Mouros e aparcadoiro:

E iso é todo! Vémonos o sábado!

Cartaz Xornada Cano dos Mouros