A chave de Chavella

Despois dun intenso verán, estamos a piques de comezar os traballos no Castro de Chavella, Santa María de Oia. Trátase do terceiro xacemento no que actuamos dende Costa dos Castros logo de escavar A Cabeciña e estar en proceso coa limpeza de Cano dos Mouros. Un paso máis para entender esta paisaxe castrexa da Costa Sur de Oia na que os tres xacementos sinalados semellan froito dunha mesma estratexia de ocupación do territorio.

O equipo de Costa dos Castros está moi excitado con este novo proxecto, tanto polas incógnitas arqueolóxicas que queremos despexar como polo propio modelo de xestión que realizaremos: a Costa dos Castros vaise converter durante dúas semanas nunha escola de campo de arqueoloxía.

Para este proxecto contamos coa axuda dos nosos amigos de DigVentures, que nos estiveron axudando no crowdfunding que fai posible esta campaña. Máis alá, DigVentures son a primeira empresa autorizada para realizar escolas de campo, polo que este ano, trasladarán a súa escola á Costa dos Castros. Xunto a Lisa e Maiya, arqueólogos de DigVentures e Maggie, de Past Horizons, veñen tres dos seus alumnos a participar nun curso arqueolóxico que ten a Chavella como aula. Todo isto, coordinado por un equipo director de tres profesionais galegos, que executarán os traballos arqueolóxicos e intervirán na formación dos alumnos. Tamén o Incipit-CSIC é parte deste proxecto a través da sinatura dun convenio coa Comunidade de Montes de Oia.

DigVentures-Facebook-Poster

Os nosos amigos de DigVentures, divertidos e profesionais

O modelo é tremendamente interesante, tanto polo crowdfunding que vimos de realizar como polo feito de probar esta escola de campo en Galicia. Os DigVentures implementan un pasaporte para os seus participantes nos que se certifican as diversas competencias que van desenvolvendo na campaña. No Reino Unido, este pasaporte, acredítaos á hora de buscar traballo noutras empresas como auxiliar arqueolóxico ou, chegado o caso, como arqueólogos. En Costa dos Castros gústanos experimentar modelos e neste momento a experimentación é fundamental para ensaiar a arqueoloxía do futuro.

Que agardamos de Chavella?

Dentro da planificación de Costa dos Castros, o proxecto de Chavella ten un sentido arqueolóxico moi importante. Podemos dividir os obxectivos da campaña basicamente en dous:

  • A maior compresión da paisaxe da Costa dos Castros e como funcionan as pezas entre sí
  • Intentar documentar unha posible reocupación medieval

Post_chavella2

Cada un dos tres castros en altura dominando un val e un portiño

A nivel paisaxe

Chavella é o terceiro da cadea de castros en altura da costa de Oia xunto á Cabeciña e Cano dos Mouros. Cada un destes castros domina un territorio propio, cadanseu val e portiño, e entre os tres dominan completamente o tramo de costa e posibles puntos cegos.

Esta unidade á hora de ocupar o territorio, semella respaldada por presentar os tres xacementos un elemento común que non se dá noutros lugares: o sistema de construción escalonado das súas murallas.

Dentro desta paisaxe, Chavella presenta unhas particularidades. Dos tres castros é o situado a unha maior altura, 600m, fronte os 150 da Cabeciña e 300 de Cano dos Mouros. Esta maior altura, consecuentemente outórgalle un maior campo de visión. Pero o interesante non é que abarque máis, senón o que abarca.

Pola súa situación, Chavella preséntase como unha especie de eslabón entre a costa e as terras altas, sendo o único dos tres que mira tamén cara o interior, cara esas terras altas de Loureza e Burgueira que supoñen un cambio de paisaxe e de modelo produtivo.

Pero non só conecta no visual, Chavella sitúase controlando unha zona de paso natural entre a costa e as terras altas e que en última instancia acabaría levando ás terras miñotas de Tomiño e O Rosal. Está entón Chavella controlando o porto de Oia e a súa zona de paso natural cara o interior? Determina este tipo de control sobre o porto, dominando o lugar no que na Idade Media se situará o Mosteiro, a súa posible reocupación medieval?

Imagen post_Chavella

Situación do porto e mosteiro en relación ao castro. A propia estrada márcanos a zona natural de paso

A posible reocupación medieval

Hai tres informacións ou ideas que nos fan pensar nunha posible reocupación medieval deste espazo. A primeira e máis interesante é a propia denominación do lugar como Alto do Castelo. Os topónimos dannos moitísima información, mais neste caso aínda é máis interesante xa que ao lado hai rexistrado un topónimo de Alto do Castro dos Mouros. Tal e como comenta Gustavo Pascual, semella que un topónimo substituíu ao outro, pero por sorte, conservamos esa secuencia, que se cadra, correspóndese coa propia secuencia do xacemento.

Por outra banda, existe unha referencia dun antigo párroco de Santa María de Oia, Juan Rey Iglesias, quen no primeiro terzo do S. XX publicou unha serie de artigos sobre Oia. Nun destes escritos fala sobre os monxes benedictinos e o seu guía espiritual, o Padre Ibo. Unha das diveridas aventuras destes monxes sitúase no Castro lugar que pola descrición e situación ten que ser o de Chavella. O autor refírese deste xeito á existencia dun castelo:

El observador que en mañana fresca de abril hubiera tomado el empedrado sendero que desde la villa de Oya conduce al Castro, detendríase unos momentos a remover los cimientos de lo que en pasados tiempos fue un castillo y cabe en las paredes de un edificio que recuerda las construcciones de los cenobios benedictinos en los últimos años del siglo X. El que estas líneas escribe bien acompañado de maestros en el arte de orientarse sobre las antiguas construcciones pudo ser informado de que allí, sobre el Castro, que quiere decir castillo irguiose en tiempos de los benedictinos una elevada torre de seis metros de ancho por sesenta de altura, cubierta de ancha terraza y rodeada de almenas. Desde aquella elevación podían perfectamente los religiosos comunicarse con el Monte Real de Bayona y el Santa Tecla de La Guardia, asegurando escritores de gran nota que por medio de convenidas señales se avisaban los vecinos de los lugares o fortalezas indicadas, sobre el arribo de piratas moros a las costas de Galicia para dedicarse a sus fechorías, de las que hablaremos más adelante cuando entre pormenores sobre la villa de nuestros encantos. Al pie del castillo de referencia y como cobijado bajo la sombra de dicha mole levantaron los religiosos una dependencia relacionada con el monasterio de Loureza y el servicio de la capilla de S. Sebastián.”

O certo é que non sabemos de onde saca Juan Rey esta información, pero pode estar recollendo algún tipo de lenda ou similar.

O terceiro indicio déunolo Agustín Alonso e baséase na heráldica. No escudo do Concello de Oia, aparece representado un castelo. Podería tratarse dunha referencia ao do Monte Lousado, ou mesmo ao carácter militar que tiña o propio Mosteiro, pero dende logo semella informarnos dalgún castelo importante existente nas inmediacións.

logo_oia

Escudo de Oia coa imaxe dun castelo

Por outra banda, de exisitir, tampouco debemos pensar nun castelo feudal, senón máis ben nalgún tipo de estrutura de vixilancia máis efémera, aproveitando o propio terreo.

Dende logo ningún destes datos ou referencias son concluíntes para determinar a existencia ou non dun castelo. Precisamente por iso é un dos obxectivos da presente camapaña de escavación tratar de verificar coa arqueoloxía a existencia dese posible reocupación medieval. Unha aventura cultural á que todos estades convidados.

Este artigo está realizado en base á observación e a conversas con Carlos Otero, Javier Costas Goberna e Agustín Alonso, así como a consulta do blog masquepetroglifos.blogspot.com e conversas co seu autor Gustavo Pascual