PRENSA: Inícianse os traballos arqueolóxicos no castro de Chavella

Esta semana inaugurouse a campaña arqueolóxica no castro de Chavella (Oia). Os traballos son a cargo dun equipo de arqueólogos galegos e británicos e prodúcense como resultado da campaña de micromecenado no marco do proxecto Costa dos Castros. Para inaugurar a campaña, onte sábado 17 realizouse unha visita guiada que rematou nunha festa popular con comida e bebida e música tradicional a cargo do grupo Tralo Mosteiro.

A xornada de inauguración no castro de Chavella tivo varias frontes. Por unha banda, algúns comuneiros da Comunidade de Montes de Oia fixeron actividades de limpeza vexetal en zonas específicas do castro. Por outra, os membros do equipo técnico comezaron a retirar a capa vexetal que oculta os niveis arqueolóxicos do xacemento.

A partir do mediodía varios veciños e visitantes subiron ao castro e o equipo explicoulles os traballos a realizar ao longo da campaña. Para rematar a xornada, a Comunidade de Montes de Santa María de Oia, convidou aos asistentes a un aperitivo no propio castro, coa animación musical do grupo tradicional Tralo Mosteiro.

Castro de Chavella

A escavación

Con esta xornada iníciase a última das campañas arqueolóxicas prevista para o presente ano no marco do proxecto Costa dos Castros, logo dos traballos na Cabeciña e Cano dos Mouros, e á espera da resolución do financiamento para a limpeza do petróglifo de Auga dos Cebros.

Hai dous obxectivos principais dos traballos de escavación en Chavella. Por unha banda, coñecer como se relaciona con outros castros deste tramo de costa, especialmente A Cabeciña e Canos dos Mouros. Pola outra banda, intentar documentar unha posible reocupación medieval do castro.

Dentro da paisaxe de Costa dos Castros, Chavella presenta unhas particularidades. Dos tres castros mencionados é o situado a maior altura, aproximadamente 530 metros. Esta característica outórgalle maior campo de visión, tanto sobre o mar e o porto de Oia como sobre as terras altas do interior.

Chavella

Mecenado arqueolóxico

O equipo a cargo dos traballos conta coa participación de arqueólogos británicos das empresas DigVentures e Past Horizons. Para facer posible esta colaboración, realizouse unha campaña de micromecenado na que distintos mecenas participaron coa recompensa de sumarse ao equipo estes días e vivir de primeira man o proxecto ao tempo que asisten a un curso de arqueoloxía.

Os catro mecenas -tres británicos e unha estadounidense- súmanse ao equipo de Chavella a partir de hoxe domingo 18. Aínda que non poidan realizar traballos arqueolóxicos, recibirán formación nos procesos de rexistro, realización de modelos 3D e outras actividades necesarias no contexto dun proxecto deste tipo.

A campaña de micromecenado de Costa dos Castros trátase dun xeito alternativo de buscar financiamento para o patrimonio desta zona. O proxecto está impulsado por catro Comunidades de Montes do concello de Oia (Mougás, Pedornes, Viladesuso e Santa María de Oia), e conta co apoio do Concello de Oia e a colaboración doutras organizacións como o Incipit-CSIC.

Pero os recursos económicos do proxecto son limitados, e os seus recursos patrimoniais son moitos. Iniciativas como o crowdfunding en colaboración con DigVentures, ou o Pack Gourmet A Cabeciña, presentada tamén esta semana, son diferentes xeitos de lograr un mesmo obxectivo: difundir e poñer en valor o patrimonio de Costa dos Castros.

Un proxecto aberto

O xacemento de Chavella está aberto a visitas durante os traballos e se realizarán outras actividades para os veciños e visitantes. Tamén se pode seguir o proceso no Facebook, Twitter e páxina web de Costa dos Castros e contribuír na campaña de micromecenado, aínda aberta.