Prensa: Medra o arboreto de Mougás

Case noventa escolares do Ceip Mestre Manuel García de Oia axudaron a plantar corenta árbores para un xardín botánico de diferentes especies arbóreas, impulsado pola Comunidade de Montes de Mougás no marco do proxecto Costa dos Castros.

É novo aínda pero o arboreto de Mougás xa ten varias historias que contar. Comezou a medrar en 2015 coa axuda de escolares de Oia e Santiago. Foi tamén nese ano cando se lanzou una campaña de micromecenado para ofrecer a posibilidade á xente de comprar unha árbore e apoiar a iniciativa.

Así sumáronse 37 árbores, grazas á colaboración de persoas de todo o mundo dentro do micromecenado que o proxecto Costa dos Castros lanzou xunto coa empresa social británica DigVentures. Estas árbores son as que escolares de Oia plantaron o pasado venres coa axuda da Asociación de Veciños de Mougás.

Arboreto de Mougás

Cada árbore vai acompañada dunha etiqueta co nome científico, nomes comúns en galego e inglés e tamén o nome do seu doante. Nalgún caso, o doante elixiu dedicar e regalar a súa árbore a un ser querido, á súa parella, aos seus pais, fillos… ou incluso a toda a familia, como foi o caso de Nieves Vidal.

Nieves Vidal soubo do proxecto Costa dos Castros nunha visita guiada á escavación no castro da Cabeciña (Mougás) en agosto 2015. Cando viu que tiña a posibilidade de colaborar economicamente, non o dubidou. Debido ao seu traballo – no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IAG) do Consello Superior de Investigacións Científicas – ten unha sensibilidade especial cara ao proxecto do arboreto. Ademais, ten unha vinculación familiar coa zona, dende que os seus pais fixeron unha casa en Pedornes (Oia) canda era unha rapaza.

Nieves mercou nove árbores a través do micromecenado Costa dos Castros, pero ademais involucrou ao IAG para aportar outras 20 árbores de diversas especies autóctonas galegas recuperadas por este instituto. A Ameixeira Collón de Frade Negro, a Cerdeira de Viño, a Pereira Manteiga País e o Bidueiro de Santiago son algúns dos curiosos exemplares doados.

As árbores do IAG súmanse a castiñeiros, sobreiras, loureiros, diferentes árbores froiteiras, e así ata corenta especies diferentes que foron plantadas no aboreto de Mougás.

O aboreto atópase debaixo da Casa Forestal de Mougás, no inicio da pista que vai cara as pozas de Mougás e o castro da Cabeciña. A Comunidade de Montes espera nos próximos anos crear unha senda botánica entre o arboreto e A Cabeciña, substituíndo os eucaliptos, que xa se empezaron a talar este ano, por novos exemplares das especies do arboreto.

Esta iniciativa da Comunidade de Montes de Mougás forma parte do proxecto Costa dos Castros, que nas próximas semanas presentará a súa programación para 2016 e unha nova campaña de micromecenado.