Tres estratexias para mellorar os montes de Costa dos Castros

Co motivo do Día Internacional dos Bosques queremos explorar algunhas das medidas que as Comunidades de Montes de Costa dos Castros están a levar a cabo para mellorar a súa xestión forestal.

Nos montes de Costa dos Castros desenvólvense distintas actividades: forestais, gandaría, deportes, patrimonio, xestión de augas, etc. A xestión do monte debe entenderse como un todo, como a xestión integral dun territorio. Atopar un equilibrio entre territorio e comunidade, aí está o reto.

Non existen receitas, cada Comunidade de Montes ten as súas características, os seus recursos e debe atopar a súa propia fórmula. Ademais, as estratexias deben estar integradas nun plan. Pero si queremos falar neste artigo de tres medidas concretas que están a facer as CC.MM. de Costa dos Castros para mellorar o entorno.

Repoboacións

Esta é a estratexia máis propiamente forestal. Trátase de aceptar que o monocultivo de eucalipto non é unha boa solución e planificar o monte por zonas. Varias das nosas Comunidades están a traballar neste sentido, ben sexa para introducir frondosa autóctona ou probar con novas especies. Queremos destacar como exemplo a medida da C.MM. de Sta. María de Oia.

En varias zonas do seu monte procedeu á tala de eucalipto para introducir frondosa autóctona: castiñeiro, bidueiro, etc. Agora imos darlle unha volta a esta estratexia e por iso a metemos na campaña de micromecenado.

Escollemos unha zona preto dun río nunha valgada entre dous montes. Procederemos á tala de eucalipto e á súa substitución por frondosa autóctona.

A diferencia é que nesta ocasión plantarase castiñeiro de froito micorrizado, isto é, castiñeiro produtivo que ademais vén inxectado para producir cogomelos comestibles. Cultívaas Hifas da Terra, un proxecto que xurdiu no seno da USC e que agora é unha gran empresa recoñecida a nivel internacional.

Zona plantación Comunidade de Montes Oia

A través do noso micromecenado, todo o mundo pode colaborar con esta repoboación. Por cada aportación ao nivel de contribución “Replantando a Historia”, unha destas árbores será plantada en nome do doante. Ademais, a empresa Hifas da Terra doará cinco árbores máis por cada dez que se compren no crowdfunding.

Os beneficios desta acción son múltiples. Por unha banda, a recuperación de frondosa autóctona e sistemas produtivos sostibles como a recollida da castaña e de cogomelos, que ademais se poderá facer por parte dos veciños, recuperando zonas de monte para eles.

Por outra, a creación destas zonas de frondosa ten gran importancia na xestión de incendios forestais: a frondosa arde moito máis lento que o eucalipto, polo que aumenta o tempo de reacción. Situando a frondosa cerca das poboacións e dividindo o monte con elas evitamos grandes lumes con consecuencias dramáticas.

Por último, na zona hai tamén uns muíños tradicionais que no futuro se poderían recuperar creando unha zona de esparexemento á que ir buscar castaña ou cogomelo en familia, celebrar un magosto, desfrutar do fresco e das vistas…

E ademais, todos podemos axudar a facelo posible cun clic!

Gandaría

Os montes de Costa dos Castros teñen unha gran presión gandeira extensiva no monte, principalmente cabalo, pero tamén vacún, cabra ou ovella. A gandaría é unha actividade que, ben xestionada pode ser moi beneficiosa: é o mellor sistema para manter o monte limpo e ademais, os gandeiros transitando o monte son un garante de vixilancia.

A Comunidade de Montes de Mougás está traballando para a introdución dun tipo de gando moi especial: o porco celta. A súa implantación axudará ó mantemento do monte (cada porco limpa unha hectárea de monte ao ano) e xerará postos de traballo na comunidade, ao tempo que se está a recuperar unha especie autóctona.

Resina

En Galicia non temos tradición de explotación de resina, pero si moitos piñeiros e moi produtivos. Nos últimos anos veñen de realizarse en Mougás probas de rendemento resultando tremendamente positivas, polo que se espera poder empezar pronto a explotar este recurso.

A resina permite explotar a árbore en vida sen danala e que despois estea apta para a venta de madeira. Espérase que este sistema teña un gran impacto sobre a creación de emprego na comunidade e suporá tamén circulación humana polo monte, a mellor forma de protexelo.