Prensa: Presentación do programa de CdC para 2016

Este venres 22 de abril ás 20:00 horas a Asociación Costa dos Castros presenta o seu programa anual de actividades. Serán nun acto público no Centro Cultural de Pedornes (Oia). Tras a presentación haberá un pincho para intercambiar impresións cos veciños e asistentes.

No acto darase conta das actividades planificadas para 2016; entre elas, a máis inmediata será a Festa da Cervexa da Cabeciña do 7 de maio. O programa anual tamén inclúe visitas guiadas, intervencións arqueolóxicas e diversas accións para a promoción do turismo na zona.

Con practicamente un ano de vida, o proxecto Costa dos Castros pon en marcha a partir de maio un programa frenético e cheo de actividades. A II Festa da Cervexa da Cabeciña o próximo 7 de maio marcará o inicio do programa. O evento celébrase no castro homónimo en Mougás e os seus organizadores queren que se vaia consolidando como unha festa de referencia na zona.

“Este ano queremos que a Festa da Cervexa chegue a máis xente e que siga crecendo,” comenta Xosé Gago, coordinador do proxecto. “Invitamos a todos os asistentes a que veñan disfrazados de castrexos, os veciños de Mougás xa están a preparar os disfraces e vai ser moi divertido. Ademais haberá actividades para os maiores, para os pequenos, música e por suposto, cervexa artesá de Trisk-Ale.”

Esforzos comúns para a dinamización turística

A partir desta data as actividades se irán sucedendo case de seguido. Visitas guiadas, escavacións, romarías, actividades para nenos e moitas sorpresas salpican a programación de Costa dos Castros.

“Levamos moito feito en pouco tempo, pero hai que seguir cara adiante,” resalta Celso Domínguez, presidente da Asociación Costa dos Castros. “O gran obxectivo deste ano é a comercialización e promoción turística, que todos os esforzos comecen a notarse a ese nivel.”

Para Costa dos Castros a zona ten un potencial incrible e ben xestionado pode ter unha gran repercusión na economía local. “O ano pasado, o Concello de Oia triplicou o número de atencións na Oficina de Turismo, en gran parte grazas ao esforzo de Costa dos Castros,” recorda Domínguez.

Pero non se trata só do Concello de Oia. “A zona en xeral ten unha riqueza extraordinaria e que se complementa moi ben,” sinala Gago. “O patrimonio de Oia, o enoturismo do Rosal, a atracción do Trega… Se entre todos somos quen de artellar todo iso, teremos un xeodestino de primeira orde.”

Un proxecto local e internacional

Costa dos Castros promove tamén a implicación dos veciños no proxecto. “Resulta incrible ver a implicación da Asociación de Veciños de Mougás na preparación da Festa da Cervexa, por exemplo,” salienta Domínguez.

Pero non participan só os veciños; mediante a estratexia de micromecenado de Costa dos Castros, xente de todo o mundo está a colaborar con este proxecto. A campaña xa leva o 45% recadado (4.263 €).

Calquera pode participar con aportacións dende 12€ e obtendo diversas recompensas neste enlace: http://digventures.com/projects/costa-dos-castros-2016/

Haberá que esperar ao venres 22 de abril para coñecer todos os detalles do programa de Costa dos Castros para 2016.