II Festa da Cervexa da Cabeciña

Segue lendo para atopar toda a información sobre a programación da II Festa da Cervexa da Cabeciña e como chegar.
II Festa da Cervexa A Cabeciña
Que, onde, cando, como?

A Festa da Cervexa da Cabeciña é un evento popular para pasar un día desfrutando da cervexa artesá na contorna do castro da Cabeciña (Mougás, Oia). Celébrase o sábado 7 de maio dende as 12:00 do mediodía ata as 19:00 horas. Tamén haberá postos de comida, música e actividades ao longo da xornada.

Cóntame máis sobre a cervexa

Na primeira edición celebrada o ano pasado, os asistentes degustaron cinco cervexas elaboradas por Trisk-Ale expresamente para a festa. Ao final da xornada votaron a súa favorita, que agora se comercializa co nome do castro.

Desta volta, Trisk-Ale tirará cañas da cervexa gañadora e ademais presentará, xunto con Vacaloura, tres cervexas novas que os asistentes poderán degustar para despois votar pola súa favorita. A gañadora pasará a ser a cervexa do Rei Sol, en homenaxe á lenda vinculada ao castro de Cano dos Mouros, na parroquia veciña de Viladesuso.

Entre as cervexas a concurso haberá unha IPA de Trisk-Ale, mais unha American IPA de espelta e unha Weissen, ambas de Vacaloura. Tamén pincharase unha cervexa sorpresa especial fóra de concurso que seguramente gustará moito!

Programación
  • Concurso de disfraces castrexos. Vente disfrazado á Festa da Cervexa! Haberá premio ao mellor disfrace de nenos e adultos.
  • Obradoiro para nenos. Construción dunha cabana castrexa con Elena Cerviño. É o momento de mancharse as mans de barro e aprender unha técnica de construción milenaria.
  • Ao longo da xornada haberá actuacións de grupos de gaitas da zona.
  • Tamén haberá varias visitas guiadas ao castro e petróglifos da Cabeciña
  • Cervexa artesá de Trisk-Ale e Vacaloura, postos de refrescos e comida a prezos populares
  • Andaina ata a Festa da Cervexa. Saída ás 11:00 horas dende a Casa da Cultura de Mougás (ver mapa abaixo).
Como chegar

Ata o castro da Cabeciña pódese ir en coche ou a pé.

Para subir a pé, se queres podes unirte á andaina que sairá da Casa da Cultura de Mougás ás 11:00. O paseo son aproximadamente 3 km e leva uns 45 minutos.

Para subir a pé por conta propia, a mellor opción e subir pola pista que sae dende enfronte do Camping O Muíño. Dende aí hai que seguir a pista sen desviarse uns 1,8 km (30 mins aprox.) ata chegar ao Castro da Cabeciña.

Para subir en coche, a mellor forma é seguir estas indicacións pola estrada PO-552 Baiona – A Guarda:

  1. Ao pasar o restaurante O Peñasco e o Cámping O Muíño, atentos, estamos preto do desvío.
  2. Menos dun quilómetro despois collemos o primeiro desvío a man dereita.
  3. Collemos o primeiro desvío á man esquerda. Hai un cartel que indica a subida á Cabeciña.
  4. Continuamos sempre ascendendo cruzando unha ponte por enriba da PO-552 e sen desviarse ata un rechán con xabre, onde deixamos o coche.
  5. A partir de aí hai que seguir subindo a pé uns 600 metros ata A Cabeciña.