Prensa: Un ano máis alá da arqueoloxía

O pasado venres 22 presentouse no Centro Cultural de Pedornes (Oia) a programación de Costa dos Castros para 2016.

No acto participaron Manuel Ángel Pombal, vicepresidente da Asociación Costa dos Castros; Guadalupe Jiménez-Esquinas representando ao Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC; Javier Calvo, concelleiro de Sanidade en Oia e Xosé Gago, coordinador do proxecto.

Cabe destacar tamén a asistencia de representantes dos concellos limítrofes, xa que como comentou Gago, “debemos empezar a concibir un proxecto integral para a zona e crear un xeodestino atractivo que aumente a duración e a calidade das estancias turísticas”.

As actividades da Asociación Costa dos Castros (ACdC) para o ano 2016 serán financiadas con aportacións das Comunidades de Montes implicadas, unha partida aprobada polo Concello de Oia, as aportacións económicas de establecementos locais e de empresas da zona como a adega Terras Gauda, Gadis ou Hifas da Terra. A isto engádese o resultante da campaña de micromecenado posta en marcha na plataforma británica DigVentures, e que xa está no 45% recadado (4.325 €).

“Os modelos de financiamento clásicos para a arqueoloxía e este tipo de proxectos xa non funcionan. Un dos atractivos de Costa dos Castros para o Incipit é precisamente o ter atopado novas formas de financiarse,” sinala a antropóloga Jiménez-Esquinas.

Como novidade deste ano respecto ao 2015 cando arrancou o proxecto Costa dos Castros, está a incorporación de dúas Comunidades de Montes máis, as de Burgueira e Loureza. “Alégranos moito que se incorporen estas novas Comunidades. De inicio faremos unha ruta en cada unha delas, e pouco a pouco iremos vendo as necesidades,” comenta Pombal.

Presentación programa Costa dos Castros 2016 no Centro Cultural de Pedornes

Maio, mes de arranque

O programa de actividades comeza o próximo 7 de maio coa Festa da Cervexa da Cabeciña, en Mougás. “Unha xornada de troula e exaltación do Patrimonio,” segundo Venancio Miniño, presidente da C.MM. de Mougás. Ao longo do día haberá actividades para todas as idades nas inmediacións do conxunto arqueolóxico de A Cabeciña.

O segundo fito será a segunda campaña de escavación no castro de Chavella en Santa María de Oia, que comezará a partir do 10 de maio aproximadamente e cun mes de duración. Esta segunda campaña preséntase moi interesante, pois o ano pasado os resultados foron moi sorprendentes, cun aparente baleiro de ocupación nun castro cunhas grandes murallas. “Non ten sentido que  fixeran esas defensas monumentais para logo non vivir dentro… Agardamos saír de dúbidas este ano,” sinala Costas Goberna, representante da C.MM. de Sta. María de Oia.

Ademais, a campaña irá acompañada dun ciclo de barferencias e a escavación estará aberta ás visitas, incluso escavándose durante as fins de semana para facilitar que os veciños e visitantes poidan achegarse.

No mes de xuño parte do equipo irá a escavar a Inglaterra xunto aos compañeiros de DigVentures como froito da colaboración entre proxectos. Será na illa de Lindisfarne, famosa por ser escenario da primeira razzia viquinga.

Mentres, no Concello de Oia, celebrarase o Festival Folk Costa dos Castros que será producido por Xoán Lois Vila do Minhoreggae. O cartel está aínda por pechar e se presentará nas próximas datas. 

De esq. a der.: Javier Calvo, Manuel Ángel Pombal, Guadalupe Jiménez-Esquinas e Xosé Gago.
O verán para o turismo

Durante os meses de xullo, agosto e setembro, a ACdC desenvolverá a súa estratexia turística para dinamizar a zona – segundo Gago, o gran reto neste 2016. “Non faremos escavacións nestes meses precisamente para deixalos libres para visitas guiadas e explotación turística”.

Durante eses meses haberá visitas guiadas diarias e gratuítas a elementos como o castro da Cabeciña ou o Mosteiro de Oia e o barrio do Arrabal, e nas fins de semana visitas nocturnas a petróglifos da zona. “Trátase de estandarizar as visitas guiadas, que haxa uns horarios fixos e de referencia e que os establecementos e oficinas de turismo da zona poidan dar esa información”.

Por outra banda, os establecementos colaboradores co proxecto poderán solicitar para os seus clientes visitas fóra das programadas, tamén de xeito gratuíto. “Un hotel ou unha adega colaboradora pode chamarnos e solicitar un servicio específico para os seus clientes,” explica Gago.

Tamén se comercializarán paquetes turísticos a través de distintas touroperadoras. “É a primeira vez que se desenvolven paquetes temáticos específicos para esta zona”. Pero non se concibe esta estratexia de xeito illado, senón dialogando coa contorna. “Os resultados da última intervención no castro de Santa Trega entroncan coas conclusións que estamos a sacar en Costa dos Castros. Hai que ser capaces de relacionar todo iso; hai un triángulo Costa dos Castros, Santa Trega e as adegas do Rosal que nos fala do comercio co mediterráneo e en última instancia nos remite ao viño. Temos que coordinar os discursos e tamén os horarios das nosas visitas”.

De volta á actividade arqueolóxica

No mes de setembro terá lugar a Festa do Rei Sol, no castro de Cano dos Mouros en Viladesuso. “Trátase de poñer en valor o lugar a partir da súa tradición oral, sen a necesidade de escavar,” sinala Rafael Lomba, presidente da C.MM. de Viladesuso. Este ano realizarase un espectáculo teatral no castro a cargo de Soledad Felloza e que terá que ver coa tradición oral e coa información que temos sobre a mitoloxía da época dos castros.

En outubro será a quenda do castro da Cabeciña. A campaña de escavación terá como obxectivo desenterrar unha cabana xa localizada e deixar todo preparado para o proxecto da posta en valor de 18 castros da provincia de Pontevedra a través do protocolo entre a Deputación e Ministerio de Fomento.

Esta intervención servirá tamén para a realización dun curso internacional de arqueoloxía no que participará xente de todo o mundo. O curso estará supervisado polo Incipit-CSIC e DigVentures e o seu obxectivo é que tanto arqueólogos como futuros auxiliares poidan desenvolver os seus coñecementos e adquirir novas competencias.

Jiménez-Esquinas explicou o interese do proxecto Costa dos Castros para o Incipit-CSIC: “É un proxecto que entende que a xente está na base”, no que as persoas “relaciónanse de diversos xeitos co patrimonio: participando nos cursos, facendo unha aportación ao crowdfunding, indo ás festas nos castros, ás andainas…”. “Un proxecto interesado na suma, non nas restas nin divisións.”

Outra intervención que se levará a cabo este ano é o da limpeza do petróglifo de Auga dos Cebros, o famoso petróglifo do barco. “Este proxecto non ten data porque dependemos das brigadas dispoñibles”, sinala Manuel Ángel Pombal, representante da C.MM. de Pedornes e vicepresidente da ACdC. “Mediante o crowdfunding do ano pasado e un pouco máis do que academos este ano, poderemos financiar o control arqueolóxico da tala e limpeza.”

O calendario de actividades publicarase nos próximos días na páxina web do proxecto (www.costadoscastros.com). Interesados en participar na campaña de micromecenado poden visitar: http://www.digventures.com/projects/costa-dos-castros-2016/