Costa dos Castros nas Xornadas sobre Patrimonio e Comunicación do Consello da Cultura Galega

Crónica de Patricia Muñoz

“Claro que sos podiamos chegar moi lonxe, pero xuntos poderemos chegar máis lonxe aínda”. Esta foi a frase que mellor definiu a esencia de Costa dos Castros na presentación que Manuel Ángel Pombal Diego, Peque, vén de realizar nas Xornadas sobre Patrimonio e Comunicación organizadas polo Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela o 28 e 29 de abril.

A xuntanza desenvolveuse durante dous días baixo o título “Novos paradigmas”. Que mellor marco entón para dar a coñecer o que se está facendo en Oia? Como diciamos, Peque, actual vicepresidente de Costa dos Castros e membro da directiva da Comunidade de Montes de Pedornes, foi o encargado de expor a experiencia deste proxecto que combina iniciativa veciñal, cultura, patrimonio e desenvolvemento local.

O poñente fixo fincapé en que esta fórmula máxica, que inclúe doses de arqueoloxía, natureza e posta en valor dos recursos, non daría resultado de non ser pola iniciativa veciñal e colaboración entre entidades, especialmente as comunidades de montes do municipio, que son as impulsoras do proxecto.

De aí que algunhas das claves da súa intervención fosen as seguintes:

  • Oia e as súas diferentes parroquias teñen importantes valores culturais, paisaxísticos, naturais, arqueolóxicos… “Todas esas cousas estaban alí e ninguén o sabía, incluso moitos veciños”, explicaba Peque ao comezo da súa charla, destacando a necesidade de xerar coñecemento e procesos de participación da comunidade local.
  • Por iso, o primeiro paso foi “implicar á veciñanza” a través de accións nas que poden tomar parte.  Unha vez consolidada esta parte, pasouse a contar co apoio do Concello de Oia e tamén co doutros organismos e empresas, neste caso a través de colaboracións.
Sumar esforzos para conseguir o impensable

Como ben dixo Peque na súa intervención, trátase de “sumar esforzos e remar todos na mesma dirección”, pois, segundo engadiu, o traballo conxunto permite acadar mellores resultados e “desenvolver actividades que podían ser impensables nun principio”.

O obxectivo é ir crecendo ano a ano nun proxecto a longo prazo que poña en valor o patrimonio da zona e cree toda unha rede de recursos turísticos que poidan ser xestionados de xeito sostible. Entre as principais actividades: campañas arqueolóxicas e roteiros guiados segundo o modelo “Aberto por Obras”, festas, accións de micromecenado , presenza nos medios de comunicación e internet (web e redes sociais) e, como unha das novidades deste ano, a comercialización de paquetes turísticos.

Peque empezou a intervención destacando a importancia do carácter veciñal da iniciativa (impulsada inicialmente polas comunidades de montes de Mougás, Viladesuso, Pedornes e Oia e á que se suman agora as de Loureza e Burgueira), pois este foi o mellor abono para que prendera a semente dun proxecto que, pouco a pouco, segue a medrar.

Coñecemento, colaboración, concienciación, posta en valor e difusión son indispensables para acadar o éxito. Consciente diso, xa na quenda final de debate e preguntas, o poñente reivindicou a importancia do voluntariado: “Se nós non o facemos, isto non o faría ninguén. E se non hai ninguén como voluntario, isto non ten futuro”, concluíu.

Para saber máis: