O Castro? de Chavella: Segunda campaña

Abrimos tempada arqueolóxica en Costa dos Castros coa segunda intervención no Castro de Chavella. Novos retos nesta segunda campaña de escavación para poder interpretar este orixinal castro que nos trae de cabeza… ou se cadra deberiamos deixar de chamarlle castro?

Chavella situación

Esquema da situación do Castro de Chavella e a súa relación co entorno

Que sabemos de Chavella?

Chavella amousouse na primeira campaña como un xacemento silente, un castro nihilista que se nega a si mesmo.

Unha situación no territorio clave, lóxica: dominando o porto de Oia – o principal do litoral da Costa dos Castros – e ao mesmo tempo, a vía natural de entrada cara as terras interiores e en última instancia ao Baixo Miño.

Estruturalmente, unha muralla monumental pechaba o castro e no seu interior distinguíanse ata cinco recintos, nalgúns casos delimitados tamén con estruturas masivas.

A construción da muralla, ao mesmo xeito que a de Cabeciña e Cano dos Mouros, feita a partir dunha plataforma de pedra con fiadas escalonadas, ese estilo construtivo tan característico da Costa dos Castros (CdC) como estrano fóra deste territorio.

muralla chavella

Muralla monumental do Castro de Chavella

Porén, a súa situación plenamente en altura e non a media ladeira como ocurría con Cabeciña e Cano dos Mouros ou mesmo a súa morfoloxía de grandes recintos angulares supuñan unha alteración do patrón CdC, algo que facía presaxiar que non estabamos ante o mesmo estilo de castro.

E que ocorreu na primeira campaña?

Porén, os resultados da primeira campaña eran totalmente impredecibles. Dentro dese complexo monumental, o que atopamos foi un enorme baleiro. Nin estruturas, nin material, nin estratigrafía.

Por suposto, non foron máis que dúas sondaxes e puidemos perfectamente non dar coas estruturas, pero resulta máis estrano ter atopado só seis anacos de cerámica cando o habitual sería ter atopado varios centos.

Unha campaña que suscitou máis preguntas que respostas… ás que trataremos de responder nesta segunda intervención.

FullSizeRender

Borde cerámico aparecido na primeira campaña de escavación

Que nos plantexamos na segunda campaña?

O proxecto contempla a apertura de dúas novas sondaxes no xacemento, cada unha nunha terraza diferente ás do ano pasado.

O obxectivo é ver se a ocupación estaría nas terrazas que miran máis cara o mar, pero sobre todo, tratar de atopar nun xacemento tan parco en palabras, algún elemento que nos permita datalo dun xeito máis exacto. Polo de agora o que temos é unha cerámica que nos sitúa o castro na Idade do Ferro dun xeito moi xenérico, un tipo de cerámica que pode ir dende o século VIII a.C.

Empezaremos a escavar a sondaxe situada na terraza Sur e a ela nos referiremos nos primeiros compases da campaña. Unha terraza moi artificializada e ben orientada, que a priori debeu ter un motivo para ser construída.

…Deberiamos deixar de chamarlle castro?

E rematamos coa pregunta do principio. Aínda é cedo para sacar calquera conclusión, pero as hipóteses de traballo que manexamos apuntan a algo orixinal dentro da Idade do Ferro de Galicia.

Téndese a identificar a Idade de Ferro en Galicia co seu asentamento tipo: o castro. Pero cada vez máis, sabemos que hai distintos tipo de asentamento: hai portos, hai factorías, hai santuarios, hai poboados en aberto… hai distintos tipos de asentamentos que cumpren distintas funcións.

pezas Chavella

Colección de cerámica da Idade do Ferro atopada en Chavella

En Chavella o que temos ata o momento é unha fortificación sen poboado, que podería estar cumplindo unha función moi concreta. Podería estar relacionada a súa función co proximísimo Castro do Bosque? Ou podería formar parte dunha estratexia complexa de ocupación dun territorio a gran escala relacionado cun castro “capital” como debeu ser o Trega?

Haberá que esperar para sacar conclusións, pero ficade atentos ao proceso de escavación, pois promete ser apaixonante, porque calquera pequeno elemento pode ser revelador. Seguiremos informando.

E recorda que podes colaborar na nosa campaña de crowdfunding para que poidamos levar a cabo esta e outro tipo de actividades dentro da programación de Costa dos Castros. Tamén podes visitarnos no xacemento: todos os sábados e domingos ata o 05 de xuño ás 12:00 visitas guiadas no Castro de Chavella.