O pasado 19 de maio, a Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA) publicaba un comunicado na súa páxina de Facebook. Na nota dábase conta dunha reunión mantida entre a Inspección de Traballo de Pontevedra, en Vigo, e a Comisión Paritaria do II Convenio Colectivo da Actividade Arqueolóxica en Galicia.
Na nota especificábase que boa parte da reunión pivotara en torno ao tema do voluntariado ou participación mediante cursos de formación de campo, e se facía ver que ditas actividades serían susceptibles de ser denunciadas pola Comisión Paritaria ante a Inspección de Traballo.
Dende Costa dos Castros, véndonos afectados, pois tiñamos ofertada unha Escola de Campo para o próximo outubro no Castro da Cabeciña, solicitamos unha reunión coa Inspección de Traballo para coñecer a súa postura. A reunión produciuse o pasado venres 3 de xuño.
Ao longo da reunión quedou claro que o tema é complexo e cheo de matices. Porén, se existise unha demanda e se abrise unha Inspección de Traballo sobre a Escola de Campo de outubro, o inspector responsable podería interpretar a existencia dunha relación laboral entre alumnos e equipo técnico. Estamos a falar só dunha posibilidade, pero o risco de sufrir sancións económicas, para un proxecto que trata de optimizar os seus poucos recursos, é suficiente para que tomemos a decisión de anular a Escola de Campo de outubro.
Tras realizar varias consultas nos últimos tempos (previas á reunión do 3 de xuño), considerábamos que o que propoñiamos, unha actividade de formación organizada xunto ao Incipit-CSIC, instituto de referencia internacional en cuestións de participación, e a empresa británica DigVentures, autorizada para realizar escolas de campo, non estaría afectada polo artigo 31 do II Convenio Colectivo da Actividade Arqueolóxica en Galicia.
Porén, tras a reunión mantida na Inspección de Traballo, vimos que si se podería interpretar a existencia dunha relación laboral. A aplicación estrita deste criterio podería afectar a moitas outras actividades de voluntariado, participación ou formación que fosen denunciadas, mesmo fóra do ámbito arqueolóxico.
Nos últimos meses establecemos contactos coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, co Incipit-CSIC, e con DigVentures para tratar de acadar algún tipo de proposta sobre participación que garantise a calidade e legalidade da nosa proposta formativa. Nesta xeira de contactos, os nosos colaboradores do Incipit-CSIC trataron de convocar unha reunión coa AEGA ou coa Comisión Paritaria do Convenio, sen obter resposta positiva á petición.
Dende Costa dos Castros cremos na participación en arqueoloxía, e que esta debe estar regulada para garantir criterios de calidade. Cremos ademais que a participación en arqueoloxía é un dos grandes retos ao que se afronta a disciplina nos próximos anos, xa que hai novos tipos de proxecto e novos promotores que demandan esa participación, e así se está a entender en moitas partes de Europa onde se trata de dar saída a esta demanda social. A Declaración de Namur, asinada en abril de 2015 polos ministros responsables de patrimonio de todos os estados membros da UE, establece as condicións para o desenvolvemento dunha estratexia europea de patrimonio, dúas de cuxas prioridades son a educación permanente e a gobernanza participativa no campo do patrimonio.
O que se pretendía facer aquí non só era algo que se fai con normalidade noutros países de Europa como Reino Unido (de feito, os nosos compañeiros de DigVentures desenvolven este tipo de actividades sen problema), senón que encaixaba totalmente coa orientación que vai adoptar a Unión Europea en política patrimonial nos vindeiros anos. Mais non é simplemente unha cuestión de seguir ás institucións; senón que son estas as que seguen a demanda social de participación nun asunto público como é a xestión do patrimonio. Opoñerse a esta demanda social é sacar a terra de debaixo dos pés. É situar á arqueoloxía nun illamento que a pode condenar á desaparición.
Opinamos que son organismos como as Universidades, a Dirección Xeral de Patrimonio, o Incipit-CSIC ou o Consello da Cultura Galega os que deben procurar foros de diálogo e contacto para evitar este illamento e procurar un modelo de consenso que non afaste á arqueoloxía galega desta demanda social.
Dende Costa dos Castros quedamos a disposición de calquera entidade que decida liderar estes necesarios encontros e diálogos e, dende logo, de resolver calquera dúbida que exista en torno ao noso proxecto. Consideramos que o comportamento de Costa dos Castros sempre foi conciliador, grazas ao cal se puido poñer a traballar xuntas a catro Comunidades de Montes – en vías de sumar dúas máis –, a un Concello polo que pasaron tres corporacións en pouco tempo, a empresarios locais, veciños particulares e empresas de referencia da zona, así como se iniciaron diálogos con Concellos limítrofes.
Pretendemos con este comunicado anunciar claramente que non haberá Escola de Campo ou participación voluntaria algunha na intervención no Castro da Cabeciña. Aínda que si trataremos, dende logo, de que dita escavación saia adiante sen contar con participantes, só con persoal técnico remunerado, tal e como se está a facer agora mesmo no xacemento de Chavella.
De feito, de levarse a cabo manteriamos os obxectivos arqueolóxicos, xa que consideramos que máis xente non significa maior rapidez ou cantidade de traballo, sobre todo se o principal criterio é que a experiencia formativa sexa satisfactoria.
Non son motivacións de carácter económico o que nos leva a desexar a participación no eido arqueolóxico. Os motivos son que cremos na participación como forma de involucrar á sociedade na protección do patrimonio. Concretamente a acción que tiñamos proposta de Escola de Campo internacional servíanos como estratexia para por un lado internacionalizar o proxecto e por outro, como unha ferramenta para unha maior valoración do patrimonio por parte da comunidade local máis inmediata, que vería como xente de todo o mundo viría a aprender ao seu castro.
En calquera caso, as intervencións arqueolóxicas son só unha parte da programación anual de Costa dos Castros. Seguiremos adiante coas nosas actividades e trataremos de avanzar camiño neste proxecto que pretende explorar novas vías para facer arqueoloxía, novos modelos de financiamento, innovar na creación de destinos turísticos, experimentar, divertirnos e facer que se divirtan os demais.
Para os que queirades achegarvos ao espírito do noso proxecto, ao que facemos, a como o facemos ou a por que o facemos, podedes ler este artigo publicado na Revista La Linde: www.lalindearqueologia.com/index.php/crea-articulo/94-edicion-numero-5/nos-interesamos-por-6/199-castros.