Prensa: Medio milleiro de persoas desfrutaron no Festival do Rei Sol

O Festival do Rei Sol celebrouse con gran acollida do público a pasada fin de semana nas parroquias do Concello de Oia. Medio milleiro de visitantes e veciños desfrutaron dos espectáculos de teatro, música, un obradoiro infantil, unha charla de antropoloxía… Diferentes actividades unidas polo afán por recuperar a memoria e a tradición oral do concello.

O evento comezou o venres 30 co espectáculo de Xurxo Souto no que contou, entre música e risos, as aventuras de mariñeiros galegos polo mundo adiante. Ao grito de “Medre o Mar!” puxo a todos os asistentes a cantar e dar palmas, enchendo o centro cultural de Santa María de Oia dun ambiente moi festivo para comezar o Festival do Rei Sol con alegría.

O sábado pola mañá foi a quenda dos máis cativos, cun obradoiro de monicreques inspirados en Os vellos non deben de namorarse de Castelao, a cargo de Viravolta Títeres. Os nenos repartíronse en dous grupos – maiores e menores de 7 anos – para elaborar máscaras e monicreques sinxelos de moitas cores, no centro cultural de Pedornes.

O obradoiro xa apuntaba ao espectáculo da noite, no que o gran actor e dramaturgo Cándido Pazó contou historias tamén inspiradas nos textos e debuxos de Castelao. Fíxoo de xeito moi persoal e con grandes doses de emoción e humor, levantando risos continuos entre os asistentes no centro cultural de Mougás.

Unhas horas antes, estivera o antropólogo Rafa Quintía no centro cultural de Viladesuso para falar da figura da moura, ilustrando o seu enorme coñecemento con fotos de lugares na xeografía galega vinculados a esta figura mitolóxica. A súa charla encaixaría á perfección co espectáculo teatral que ao día seguinte se desfrutou no castro de Cano dos Mouros, na mesma parroquia.

O domingo foi o momento da gran Festa do Rei Sol. Aproveitando unha lenda asociada ao castro de Cano dos Mouros que conta como cada tarde sentaba o Rei Sol ao pé do castro para contemplar o solpor, celebrouse unha tarde-noite festiva coa posta de sol como eixo central.

O evento arrancou ás seis da tarde cunha visita guiada ao castro. Despois tocou A Fiada de Viladesuso mentres os asistentes – máis de 200 ao longo do serán ­– degustaron a cervexa artesá Rei Sol elaborada por Trisk-Ale e un anaco de empanada con torradas de viño e de leite preparadas pola Asociación de Veciños de Viladesuso.

Sobre as sete a organización animou á xente a tomar asento na bancada de alpacas dispostas arredor dun improvisado escenario entre dúas árbores no centro do castro. Entón entraron en escena os actores do grupo de teatro de Mougás e o grupo “O Mellor de Cada Casa” para interpretar a deuses da mitoloxía galega baseándose no libro Vento e Chuvia de Manuel Gago.

Seguiu a música ata o solpor. A partir das oito da tarde os asistentes dispuxéronse na croa do castro para contemplar como o sol se mergullaba no mar, entre unha explosión de cores alaranxados e vermellos e coa música de A Fiada de Viladeuso como acompañamento idóneo.

Tras o solpor foi o momento de desfrutar do espectáculo de narración oral de Sole Felloza, cuxas historias foron acentuadas pola coidada iluminación de Limiar Teatro.

O Festival do Rei Sol foi organizado pola Asociación Costa dos Castros coa Comunidade de Montes e Asociación de Veciños de Viladesuso, grazas a fondos do Concello de Oia e da partida do Ano Castelao da Deputación de Pontevedra. A organización agarda poder repetir a experiencia do festival o ano que vén e converter o evento nunha cita de referencia do outono en Galicia.

Poden ver máis fotos do evento no Facebook de Costa dos Castros.