Como aproveitar ao máximo as visitas de verán da Costa dos Castros

visitas guiadas gratuitas Costa dos Castros (Oia) verano 2017

 

Na Asociación Costa dos Castros xa temos en marcha a programación de visitas guiadas de verán que desenvolvemos, de xeito gratuíto, por diferentes lugares patrimoniais de Oia: castro e petróglifos de A Cabeciña, petróglifo de Auga dos Cebros e Barrio do Arrabal (no entorno do Mosteiro de Oia).

Co obxectivo de que podas sacar o máximo partido ás túas visitas por Oia e poidas descubrir do xeito máis cómodo posible os segredos que agochan estes lugares, recompilamos neste artigo unha serie de recomendacións:

-Trae calzado cómodo e pechado, lembra que os enclaves arqueolóxicos que visitamos están situados no monte.

-Se o día está soleado, non está de máis levar gorra ou chapeu para evitar que nos dea o sol na cabeza. Se temos sede e queremos tomar un refresco trala visita, existen bares, cafeterías e restaurantes próximos.

-¿Gústache facer a visita co teu can? Tráeo sen problema, seguro que el tamén o pasa de marabilla.

-Se ves a algunha das visitas nocturnas (lembra que son baixo reserva), non esquezas traer unha lanterna, especialmente para chegar ata o punto exacto dos petróglifos. Durante a visita, a mellor forma de observalos é apagar todas as luces e deixar un só foco que permita que todo o mundo observe ben cada un dos gravados.

-Se te inscribiches para as visitas nocturnas Á Cabeciña ou Auga dos Cebros e finalmente non vas poder asistir, pedímosche que, por favor, nos comuniques canto antes a túa cancelación. Dese xeito, poderemos darlle a outras persoas a oportunidade de participar, pois as prazas son limitadas.

Se aínda quedaches con algunha dúbida, non a deixes pasar. Ponte en contacto con nós e tentarémola resolver!