O Rei Sol volveu un ano máis ao castro de Cano dos Mouros

Festival do Rei Sol Costa dos Castros 2017

Actividades lúdico-culturais para todos os públicos no Festival do Rei Sol que se celebrou en Oia entre o 15 e o 17 de setembro

 

Por terceiro ano, o Rei Sol volveu a Cano dos Mouros para contemplar o solpor, e o fixo en compañía dos veciños e visitantes que tamén se achegaron ata o castro de Viladesuso co obxectivo de gozar do espectáculo visual e, como non, do cultural.

Os actos centrais do Festival do Rei Sol celebráronse o domingo 17 de setembro no propio Cano dos Mouros. Ás 18.00 horas, os primeiros participantes percorrían a zona nunha visita guiada na que puideron descubrir o rico patrimonio arqueolóxico de Oia, así como algunhas das súas lendas.

Unha hora despois actuaba, nun escenario inigualable rodeado de historia e natureza, O Mellor de cada Casa. O grupo de teatro de Viladesuso agasallou aos asistentes cunha representación na que participaron nenos e maiores, todos caracterizados como castrexos e deidades celtas. Especial mérito tiveron os cativos: ademais de preparar os seus papeis, confeccionaron os seus propios traxes nun dos talleres infantís celebrados en días previos.

Coa fin da actuación teatral, que provocou o aplauso de todos os asistentes, chegou o momento do solpor, onde o grupo tradicional A Fiada de Viladesuso aproveitou para interpretar unhas pezas. Un momento máxico que uniu música e unhas vistas incribles ao Atlántico.

rei sol blog1

E finalmente, o actor Avelino González foi o encargado de pechar o festival, cos seus Contos do Rei Sol., un este espectáculo preparado especificamente para o Festival do Rei Sol no que descubrimos grandes historias sobre Oia: toponimia, costumes, lendas, contos….

Festival Rei Sol Costa dos Castros 2017

Actividades previas

Pero o Festival do Rei Sol foi moito máis que os actos do domingo. O venres 15 a programación abriuse cun taller infantil para pequenos arqueólogos que espertou vocacións entre os máis pequenos do municipio. Escavar, estudar pezas, cubrir e colorear fichas foron algúns dos labores destes intrépidos investigadores.

Xa o sábado se celebrou unha andaina polo patrimonio de Viladesuso, un taller infantil de traxes castrexos e a charla-coloquio sobre os Pactos de Hospitalidade entre castrexos galaicos e romanos, a cargo da escritora Sonia María García García.

Andaina Viladesuso Festival do Rei Sol. Costa dos Castros 2017

Este festival, organizado pola Asociación Costa dos Castros e co financiamento da Deputación de Pontevedra dentro do Ano do Patrimonio, non sería posible sen a colaboración e axuda dos veciños, tanto a título individual como a través da comunidade de montes e a asociación veciñal de Viladesuso; así que queremos aproveitar para agradecerlles o seu esforzo e implicación.

Agardamos que o Rei Sol nos visite para o próximo ano… Traballaremos para conseguilo!