Balance 2017: un ano máis descubrindo e divulgando o patrimonio cultural da Costa dos Castros

Que sería dun final de ano sen volver a ollada atrás e facer balance? Neste 2017 na Asociación Costa dos Castros de Oia tratamos de dar continuidade ao noso labor de descubrir, divulgar e valorizar o rico patrimonio do municipio. E fixémolo a través dunha ampla variedade de propostas:

Andainas, visitas guiadas en Semana Santa e verán, talleres infantís, colaboracións con centros escolares, Festival do Rei Sol… foron algunhas das actividades culturais e didácticas desenvolvidas durante un ano no que tamén houbo arqueoloxía, con actuacións como a campaña de limpeza de vexetación con control arqueolóxico no Viveiro (Pedornes).

As actividades foron desenvolvidas cun dobre obxectivo: valorizar o patrimonio cultural de Oia e potenciar o turismo, sempre baixo un modelo sustentable que permita dinamizar a economía local preservando o patrimonio cultural e natural.

Máis de 1.000 participacións

A fin de que poidades consultar con maior detalle os principais traballos realizados pola asociación neste ano, nos próximos días colgaremos neste blog a memoria correspondente a 2017. Xa vos podemos adiantar que temos rexistradas máis de 1.000 participacións nas distintas actividades desenvolvidas por Costa dos Castros, un resultado que nos enche de ledicia e nos anima a continuar avanzando para que máis persoas se acheguen a coñecernos en 2018.

ACTUALIZACIÓN: memoria de 2017 xa dispoñible no novo apartado do blog: “Transparencia”.

Pero non se pode facer balance de actividade sen dar as grazas a toda a xente que axuda a que todo isto sexa posible. Dun xeito especial queremos manifestar o noso agradecemento á veciñanza, pola súa implicación e participación nas iniciativas que imos programando; así como a todas as institucións que nos apoian e axudan a conquerir os nosos obxectivos ano tras ano.

Como non, tamén aproveitamos para desexarvos un 2018 cheo de ledicia e prosperidade. Pola nosa banda, agardamos que o próximo ano chegue cargado de sensibilidade e respecto ao patrimonio. Seguiremos traballando!

A Asociación Costa dos Castros deséxavos unhas Boas Festas e Feliz Ano 2018