Resultados da intervención nas salinas de Oia e da prospección arqueoetnográfica da costa ata A Guarda

Os traballos arqueolóxicos vinculados ás salinas de Mougás e Viladesuso (Oia), que incluíron a prospección dunha zona litoral máis ampla, confirmaron a existencia de novos xacementos relacionados coa produción de sal ao longo da costa baixa entre Oia e A Guarda. Una actividade produtiva que tería gran intensidade na época romana, con explotacións de tamaño industrial.

Mar Cortegoso, directora dos traballos, foi a encargada de dar a coñecer os resultados da intervención nunha barferencia celebrada o pasado novembro no Albergue Turístico Aguncheiro. Alí foi presentada por Fernando Javier Costas Goberna, da directiva da Asociación Costa dos Castros, quen lembrou que este traballo non supuxo o primeiro contacto de Mar cunha salina romana no Baixo Miño: xa en 2015, a arqueóloga traballara nas de O Seixal-Fonte Quente (A Guarda).

Baixo o título: A produción de sal na costa atlántica do Baixo Miño. Un exemplo: as salinas de Oia, a directora dos traballos arqueolóxicos explicou paso a paso todas as actuacións desenvolvidas e destacou a importancia e tamaño das estruturas estudadas. “Cremos que houbo unha forte actividade durante a época romana e que se trata de salinas de tipo industrial, cunha produción a gran escala”, indicou a ese respecto.

salina romana do Aguncheiro (Mougás-Oia)
Fotografía aérea da salina do Aguncheiro (Mougás). Cedida por Mar Cortegoso para Costa dos Castros.

 

A campaña atópase dentro do programa de intervencións da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (Consellería de Cultura) para ano 2017 e incluíu traballos como o estudo bibliográfico, contacto con veciños e eruditos, labores de prospección arqueoetnográfica, escavación e toma de imaxes aéreas cun dron. Xunto a Mar Cortegoso traballaron as empresas Gabinete de Arqueoloxía, Geomatic Solutions e Alejandro Güimil.

As salinas de Oia

A prospección nesta franxa do litoral permitiu localizar, documentar e catalogar varias referencias, achados e xacementos vinculados coa produción do sal situados entre Oia e A Guarda. Entre eles destacan tres no concello de Oia: as salinas de Aguncheiro (Mougás) e as das Lagoas (Viladesuso), descubertas o pasado inverno por veciños da zona; e tamén as do Porto de Mougás, das que xa se tiñan referencias previas.

Ademais da prospección, no Aguncheiro e nas Lagoas fixéronse traballos de limpeza e escavación. Unha vez finalizada a campaña, nas Lagoas procedeuse ao tapado do xacemento (tal e como marca a lexislación nestes casos); mentres que, tras solicitarse as pertinentes autorizacións, o xacemento do Porto puido quedar ao descuberto por non atoparse nunha zona de afección do mar.

Os resultados obtidos foron os seguintes:

-Nas salinas de Aguncheiro descubríronse polo menos 4 estanques de evaporación de auga mariña para obtención do sal (un deles practicamente completo), consistentes en superficies de enlousado separadas unhas das outras por pequenos muros transversais. Así mesmo, nas proximidades atopouse un fragmento de cerámica común romana e varias pías para a acumulación do sal, unhas naturais e algunha outra que podería ser antrópica (froito da acción humana).

salinas romanas de Aguncheiro (Mougás- Oia)
Foto aérea da salina de Aguncheiro e plano da planta. Imaxes cedidas por Mar Cortegoso para Costa dos Castros.

 

-No xacemento das Lagoas atopáronse restos de polo menos 8 estanques de evaporación, documentouse a existencia de máis restos de enlousado en zonas adxacentes, recolléronse 16 pezas homoxéneas que poden adscribirse de forma clara á Idade do Ferro (época castrexa) e á época romana. Tamén se recolleu un pico camposanquiense (útil de pedra típico do Paleolítico) que apareceu, descontextualizado, nun dos niveis naturais que cobren a salina.

Salina romana das Lagoas (Viladesuso-Oia)

Foto e plano da planta da salina das Lagoas. Imaxes cedidas por Mar Cortegoso para Costa dos Castros.

 

-En canto as salinas do Porto de Mougás, as referencias que existían ata o de agora apuntaban á súa posible desaparición, se ben o traballo de campo puido confirmar que realmente non foron destruídas: atópanse cubertas pola plataforma de formigón do Polideportivo e máis por unha escombreira que hai na zona sur.

-Ademais do estudo pormenorizado de cada caso individual, os traballos arqueolóxicos nestas zonas de salina permitiron definir unha serie de características comúns na construción dos estanques enlousados:

-Trátase de estruturas conformadas a base dunha serie de enlousados de pedra, que poden estar feitos dunha forma máis regular ou irregular, e están separados por uns muretes de pedras fincadas. Poden ter asociadas canles que poden funcionar para o paso da auga ou ben como zonas de paso entre os tanques.

-Teñen unha orientación clara norte-sur.

-A forma é xeralmente rectangular ou case cadrada.

Cronoloxía: salinas romanas

No que respecta á cronoloxía das salinas, dos resultados acadados na intervención despréndese que se trataría de salinas de época romana. A esta conclusión chegouse, segundo explicou Cortegoso, por dúas razóns:

-A súa tipoloxía.

-Os escasos restos materiais atopados e documentados correspóndense con esa cronoloxía.

A arqueóloga apuntou que este tipo de salinas tamén poderían ter sido utilizadas (ou reutilizadas) na Idade Media, se ben matizou que non existe ningunha documentación que permita vinculalas a ese momento histórico.

achados salinas de Oia
Algúns achados: entalle en pasta vítrea de cor azul e fragmento de ánfora. Imaxes cedidas por Mar Cortegoso para Costa dos Castros.

Características dos emprazamentos

Outra interesante conclusión obtida durante a campaña foi a identificación dun conxunto de condicións xeográficas que comparten os emprazamentos deste tipo de salinas:

-Emprazamento nunha zona de cantil ou praia de seixos nos que a presenza de area non dificulte a produción de sal.

Zona chaira que, cara ao mar, teña unha zona de cantil alongada que actúe como protección ante a acción das mareas.

Proximidade dun curso de auga doce: rego, regato…

Outros resultados da campaña

A campaña arqueolóxica na costa do Baixo Miño tamén incluíu labores de documentación dun xacemento romano de entidade emprazado no lugar das Moreiras (Viladesuso), un lugar que, pese a estar algo alonxada da liña baixa de costa, está directamente relacionado coas salinas de Aguncheiro e Lagoas.

Outros resultados salientables foron a documentación de varias zonas potenciais de albergar algún tipo de restos de salinas e a catalogación dun gravado rupestre na zona de Fonte Quente (A Guarda). Trátase dun petróglifo reticulado (forma de rede) que se atopa nun afloramento de xisto situado a escasos metros do nacemento do regato de Fonte Quente. Adscríbese cronoloxicamente á Idade do Bronce.

Petróglifo de Fonte Quente (A Guarda).
Petróglifo de Fonte Quente (A Guarda). Imaxe cedida por Mar Cortegoso para Costa dos Castros.

Colaboración da poboación local

Durante a súa intervención, Mar Cortegoso tivo palabras de agradecemento para todas as persoas que colaboraron coas súas testemuñas e coñecementos sobre a zona. Segundo manifestou, “todos eles compartiron a súa información, documentación coñecementos e perspectivas”, materiais que tamén nutriron o traballo arqueolóxico.

Entre outras persoas, referiuse aos dous veciños que atoparon as salinas Jorge Fernández e Dino Vicente; así como a outros veciños e coñecedores das zonas estudadas: Venancio Miniño, Agustín Ferreira, Cándido Verde, José Antonio Uris, Pepe Buraco, Brais Currás Refojos, Ermelindo Portela e Fernando Javier Costas Goberna.

Éxito de asistencia á barferencia

A barferencia de presentación de resultados foi un éxito de asistencia: veciños, visitantes interesados en coñecer mellor o patrimonio arqueolóxico de Oia, curiosos e profesionais dos ámbitos da arqueoloxía, a historia e o turismo encheron o Albergue Aguncheiro. Nin unha cadeira quedou libre e mesmo algún asistente tivo que quedar en pé para non perderse as últimas novidades.

Pero é que, ademais, o público non se limitou a escoitar e participou activamente expoñendo as súas preguntas sobre o tema e aportando algunhas ideas. Unha boa demostración de que o interese polo patrimonio de Oia está ben vivo!

 

F.J. Costas Goberna presenta á arqueóloga Mar Cortegoso na barferencia sobre as salinas de Oia.
F.J. Costas Goberna presenta á arqueóloga Mar Cortegoso na barferencia.