Talleres infantís de Costa dos Castros: canteira de gardiáns do patrimonio

Un dos ámbitos nos que centramos os nosos esforzos durante  2017 foi a creación de propostas didácticas para achegar o patrimonio cultural de Oia ao público infantil. Na Asociación Costa dos Castros cremos que non só se trataba de dar a coñecer o patrimonio e divertirse, senón espertar actitudes de responsabilidade e coidado ao patrimonio: é dicir, conseguir verdadeiros gardiáns do patrimonio.

A elaboración de réplicas do machado de bronce aparecido nas escavacións arqueolóxicas da Cabeciña (Mougás) feitas de cartón e papel de cores foi unha das propostas desenvolvidas. Armados con tesoiras, cinta adhesiva e cordel, os participantes fixeron unhas auténticas obras de arte que se puideron levar, como recordo, para as súas casas.

actividades didácticas patrimonio Costa dos Castros Oia
Algúns dos traballos feitos polos participantes nas actividades didácticas de Costa dos Castros.

Pero, sen dúbida, a particular escavación arqueolóxica de Costa dos Castros foi a actividade de maior éxito entre os participantes dos obradoiros. Neste caso, os nosos pequenos investigadores equipáronse con pinceis e pequenas ferramentas que facilitasen a busca de achados líticos (en pedra) e material cerámico que estaban enterrados na area.

Pero aí non se terminaba o labor arqueolóxico: aínda tiñamos que limpar coidadosamente cada un dos achados descubertos, examinar minuciosamente cada peza e redactar a correspondente ficha descritiva… E, nalgúns casos, incluso puidemos reconstruír algún obxecto.

Estas actividades as desenvolvemos dentro da programación do Festival do Rei Sol e, a través de colaboracións coas asociacións veciñais de Pedornes e Mougás, tamén foron incluídas nas súas respectivas semanas culturais.

Colaboración cos colexios

Tamén traballamos, en colaboración co CEIP de Refoxos (Loureza), nunha serie de actividades didácticas vinculadas co patrimonio arqueolóxico de Oia, as cales se desenvolveron en dúas xornadas para o alumnado do centro. Aproveitamos para agradecer ao profesorado e á dirección do centro o seu interese e bo facer á hora de achegar o patrimonio local ao alumnado.

A primeira acción consistiu nunha achega in situ ao patrimonio arqueolóxico a través dunha visita á Cabeciña. Alí estivemos atarefadísimos cunha emocionante busca do tesouro na que, a través de varias probas e pistas, puidemos ir descubrindo os petróglifos, o emprazamento do castro e como era a vida na prehistoria.

A mañá de aventura na Cabeciña completouse coa participación da rapazada no proceso de construción da cabana de palla-barro que hai na entrada ao lugar arqueolóxico. Canto máis lixo na roupa, máis diversión!!! (no caso dos participantes sabemos seguro que así foi… Probablemente algúns pais e nais non pensaron exactamente o mesmo 😉 ).

Tras esta primeira acción, realizamos unha segunda xornada sobre o patrimonio arqueolóxico de Oia con Costa dos Castros: neste caso tratouse dunha serie de obradoiros de traballos manuais que se desenvolveron no centro educativo ao longo de toda unha mañá.

taller patrimonio arqueoloxía Costa dos Castros Oia
Na área de escavación non todo era darlle a pa e ao cepillo. Tamén había unha zona de laboratorio onde estudar os achados e rexistralos en fichas.

O primeiro acto foi unha breve charla-coloquio sobre a riqueza patrimonial de Oia e a necesidade de protexela,  tralo que os refoxeir@s participaron nun taller de petróglifos gravados en barro, nun obradoiro de armas e ferramentas castrexas e noutro de xoiería con motivos celtas. Como colofón, o enorme areeiro que o cole ten na zona de recreo serviunos como área de escavación e laboratorio arqueolóxico, onde o alumnado demostrou con creces que sabía moi ben o que tiña entre mans.

Obxectivos e resultados: casi 100 participantes

A programación didáctica e divulgativa da Asociación Costa dos Castros en 2017 foi deseñada con varios obxectivos, entre os cales destacan os seguintes:

Dar a coñecer o patrimonio de Oia entre os máis pequenos.

Concienciar e sensibilizar sobre a importancia do patrimonio cultural (tanxible e intanxible) e a necesidade de coidalo e preservalo.

-Fomentar o orgullo polo patrimonio local, que a propia veciñanza goce co seu patrimonio e se converta en divulgadora da súa riqueza cultural.

Cerca dun centenar de rapaces e rapazas participaron nos talleres desenvolvidos ao longo do ano, actividades nas que puideron aprender a través do descubrimento e a experimentación ao mesmo tempo que lle daban renda solta á súa creatividade. Temos que dicir que nós tamén temos aprendido moitísimo de tódalas persoas participantes, así que estamos desexando volver a velas a todas (xunto con moitas outras novas caras) nas próximas actividades que programemos.

Agardamos que os talleres de Costa dos Castros sigan a ser unha boa canteira de gardiáns do patrimonio. Polo de agora, temos claro que os participantes teñen madeira de arqueólogos, historiadores, conservadores, antropólogos… e incluso de paleontólogos!