Actividades de Costa dos Castros 2018: quecendo motores

 

Na Asociación Costa dos Castros comezamos o 2018 cunha serie de xuntanzas de traballo destinadas a confeccionar o calendario de actividades a desenvolver este ano. Os obxectivos da dinamización económica da contorna a través do turismo cultural e a protección e posta en valor do patrimonio de Oia seguen a ser as nosas prioridades e, tendo en conta estes dous principios, algunhas das previsións que actualmente manexamos na Asociación son as seguintes:

Visitas guiadas

Este ano volveremos ofrecer propostas destinadas a aproveitar as vacacións de Semana Santa para coñecer o patrimonio de Oia. Máis adiante será o momento da xa tradicional tempada de visitas turísticas de verán, que se desenvolverá desde mediados de xullo ata mediados de setembro.

Coas nosas campañas de visitas guiadas gratuítas queremos promover un modelo de turismo sostible que permita valorizar os recursos do territorio sen danalos e que preste especial atención á calidade da experiencia do turista. Máis que as cifras, o que nos importa é lograr a satisfacción das persoas que participan nas nosas actividades, así como provocar nelas actitudes responsables cara ao patrimonio cultural e natural.

Propostas didácticas para público infantil

Tendo en conta os bos e enriquecedores resultados do pasado ano en materia de educación patrimonial, neste 2018 retomaremos a colaboración cos colexios de Oia e prepararemos (en coordinación e colaboración co profesorado) actividades didácticas que axuden á rapazada a coñecer mellor o lugar onde viven.

Tras a primeira promoción de gardiáns do patrimonio da Costa dos Castros que se diplomou o pasado ano, na Asociación estamos desexando coñecer ás novas xeracións e a aprender con elas!

Dinamización e intercambio cultural

Ao longo de 2018 tamén colaboraremos en actividades culturais coma o Festival Costa dos Castros (organizado polo Concello de Oia e mais a asociación Minho Reggae) desenvolvendo algunha actividade dentro da súa programación. Tamén temos na axenda a colaboración coas semanas culturais organizadas polas asociacións de veciños locais e a visita dos nosos amigos da Universidade de Portland, co grupo que cada verán lidera a profesora Suzanne.

Prepara a túa visita á Costa dos Castros (Oia. Rías Baixas. Galicia)

 

Pero isto non será todo xa que, segundo avancen os días, esperamos ir concretando algunhas novidades nas que estamos a traballar…

Non queremos rematar o noso artigo sen avanzar unha cousiña máis: este ano esperamos volver recibir a visita da antropóloga Guadalupe Jiménez-Esquinas, quen está a ultimar un proxecto relacionado coas distintas visións que existen sobre o patrimonio. A proposta é froito dun traballo de campo desenvolvido nestas terras e do que, como teredes a oportunidade de comprobar, poderán extraerse interesantísimas conclusións.

Por último, aproveitamos para trasladarlle os nosos parabéns á investigadora, quen vén de acadar dous importantes logros: por se non fose dabondo o seu recente doutorado, tamén recibiu un premio por unha fotografía tomada por ela mesma en Oia. Noraboa, Lupe: traballaches con tesón e agora toca recoller eses bos (e merecidos) froitos!