Patrimonio e teatro van da man en Oia

Traemos novidades!

O Concello de Oia vén de abrir o prazo de inscrición para un obradoiro gratuíto de teatro organizado co obxectivo de revalorizar e dar a coñecer o patrimonio cultural deste municipio pontevedrés a través da práctica das artes escénicas.

A actividade, denominada 6×6 punto de encontro. Costa dos Castros, será impartida por A Artística Teatro & Danza e conta co apoio da Asociación Costa dos Castros. Como resultado das distintas sesións das que constará este proxecto crearanse pequenas pezas dramáticas que serán interpretadas en lugares de valor patrimonial do municipio, especialmente na contorna do Mosteiro e no barrio do Arrabal.

As persoas interesadas poden informarse e inscribirse no teléfono 986.362.125 (Concello de Oia). Unha vez confirmado o grupo mínimo requirido programaranse as clases: terán lugar un día á semana en horario de tarde, pendente de determinar.

Animádevos a participar!

Teatro Costa dos Castros A Artística Vigo
Foto: A Artística Teatro & Danza.

Que é A Artística Teatro & Danza?

A Artística Teatro & Danza é un proxecto enmarcado dentro das artes escénicas que se dedica a formación, promoción, creación, investigación e experimentación do teatro e a danza contemporáneos.

Os seus responsables son Alfredo Rodríguez (actor, director escénico e pedagogo especialista en expresión) e Olga Cameselle (bailarina, intérprete, coreógrafa e directora escénica).

TEatro Costa dos Castros A Artística Vigo
Foto: A Artística Teatro & Danza.