Caderno divulgativo sobre os petróglifos do río Vilar (Pedornes)

 

A Asociación Costa dos Castros vén de editar un caderno divulgativo sobre os petróglifos da contorna do río Vilar, na parroquia oiense de Pedornes, para dar a coñecer a singularidade e valor patrimonial dos gravados existentes nesta zona. Entre eles destacan tres que representan figuras de embarcacións, as únicas claramente definidas dos petróglifos galaicos con características que apuntan a modelos mediterráneos.

Cun marcado ton divulgativo, esta publicación quere dar a coñecer o valioso patrimonio arqueolóxico que existe na zona e, paralelamente, contribuír a concienciar sobre a importancia da súa conservación.

No caderno faise unha descrición do lugar, un repaso pola historia dos principais achados arqueolóxicos na zona e, finalmente, se detalla o caso concreto dos petróglifos das embarcacións, coñecidos como Auga dos Cebros 1, Auga dos Cebros 2 e Viveiro 6.

Diversas fotografías, ilustracións, un mapa e unha ficha con información básica e de utilidade para visitar a zona complementan a información textual do caderno.

A publicación realízase coa colaboración da Deputación de Pontevedra (Ano da Lingua), a través das axudas para dinamización da lingua. Os exemplares impresos distribuiranse polos centros escolares de Oia e tamén na Oficina de Turismo.