Conversas na Costa dos Castros

A Asociación Costa dos Castros bota a andar un novo proxecto divulgativo, neste caso un ciclo de charlas que, baixo o título “Conversas na Costa dos Castros”, aposta por achegar á veciñanza o coñecemento e o traballo que se está a facer arredor do patrimonio local. As conversas arrancarán o sábado 23 de marzo na Casa Cultural de Mougás, coa presentación do libro “As outras caras do patrimonio. Reflexións sobre o patrimonio en Oia” da antropóloga Guadalupe Jiménez-Esquinas.

Baixo un formato de entrevista, que pretende un enfoque divulgativo dos temas a abordar, as “Conversas na Costa dos Castros” queren difundir e valorizar o traballo que se está a facer arredor do patrimonio local, dando a coñecer investigacións, achados e novos enfoques sobre cuestións como o patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e o intanxible-inmaterial.

A antropóloga Guadalupe Jiménez-Esquinas será a encargada de abrir o ciclo. O próximo día 23 presentará o seu libro titulado “As outras caras do patrimonio. Reflexións sobre o patrimonio en Oia”, que recompila as sensibilidades de 16 persoas veciñas de Oia.

 

Guadalupe nunha "barferencia" celebrada en 2015 co gallo das escavacións arqueolóxicas no castro da Cabeciña.
Guadalupe nunha “barferencia” celebrada en 2015 co gallo das escavacións arqueolóxicas no castro da Cabeciña.

Traballo de campo

Esta publicación recolle os resultados do traballo de campo que a investigadora desenvolveu durante 2015 e 2016 en Oia, no marco dunha colaboración entre o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC e o proxecto de arqueoloxía en comunidade de Costa dos Castros.

Así, plásmase o sentir dunha mostra da veciñanza de Oia, á que se lle pediu a súa opinión sobre que é o máis valioso de Oia, a súa visión persoal sobre o patrimonio, que elementos (tanto tanxibles como intanxibles) lles gustaría que se conservasen e que cousas cren que non se deberían perder.

O obxectivo desta publicación consiste en promover a reflexión sobre o significado do concepto “patrimonio” e, ao mesmo tempo, “poñer cara, corpo e palabra a esas persoas, tanto maiores coma novas e crianzas, que valoran o seu patrimonio, cóidano,  mantéñeno, protagonízano, víveno e rememórano”, segundo afirma a propia autora no libro.

A Autora

Guadalupe Jiménez-Esquinas (Córdoba, 1984) é antropóloga, doutora internacional pola  Universidade do País Vasco (2018), mestrado en Estudos de Xénero (2010, CSIC-UIMP ), licenciada en Antropoloxía (UCM, 2009) e diplomada en Enfermería (UCO, 2005). Realizou a súa tese doutoral cunha bolsa Jae-Predoc no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC e ten traballado como investigadora en antropoloxía vinculada ao proxecto internacional NEARCH (New Scenarios for a Community-Involved Archaeology, programa Culture da U.E.).

Na actualidade é profesora axudante doutora na Universidade de Santiago de Compostela (USC). O seu traballo enmárcase nos estudos críticos do patrimonio e céntrase especialmente na análise feminista dos procesos de patrimonialización e transformacións na paisaxe, a poboación, a economía e as artesanías. Xunto ao seu grupo de investigación tamén está a desenvolver estudos sobre a participación social na xestión do patrimonio cultural. En 2017 recibiu o premio da USC á introdución da perspectiva de xénero na investigación. Ten publicado capítulos de libro e artigos en revistas como PH, Anthropology Today, Tourist Studies e Journal of Sustainable Tourism.

 

as outras caras do patrimonio en Oia Guadalupe Jiménez-Esquinas
Portada e contraportada do libro.

A publicación está dispoñible para a súa descarga (formato PDF) na seguinte ligazón do repositorio dixital do CSIC.